O Atlético Escairón perde a Toti por dous meses

La Voz MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

MELANIE DE LA FUENTE

29 oct 2019 . Actualizado ás 08:35 h.

A vitoria ante o CD Castro por 0-1 reforza o liderado dun Atlético Escairón que segue lanzado no grupo terceiro da Primeira Autonómica. Os discípulos de Javier Montoto xa suman 21 puntos, tres máis que o Outeiro de Rei, que non pasou do empate ante a SD Chantada.

No entanto, a peor parte do partido que o cadro do Saviñao disputou en Castro foi a lesión do seu dianteiro Toti. O futbolista sufriu a rotura do quinto metatarsiano -o óso do dedo pequeno do pé-, unha lesión que o manterá afastado dos terreos de xogo como mínimo dous meses.

«Agora estou cunha férula, que deberei ter durante as tres próximas semanas. Despois será outro mes e medio de recuperación, polo que se todo vai ben estarei listo no principio do ano. No entanto, agardo xogar polo menos o último partido do 2019», sinala Toti.

Foi unha xornada de auténtica mala sorte. «Fun eu mesmo. Cando trataba de sortear a un contrario lesioneime», di.

A baixa de Toti é importante, tanto pola calidade do xogador -xa marcou seis goles na liga- como polo feito de que o persoal do Escairón é curta. Esta circunstancia axilizará as xestións do club para incorporar algún reforzo.

Toti, que terá que ver os partidos desde a bancada, valora positivamente a marcha do Escairón. «Estamos moi contentos coa traxectoria que levamos. Esta tempada contamos cun bo adestrador, que traballa os partidos dun xeito especial e que ao final dá os resultados desexados», conclúe.

A xornada

A SD Chantada arrincou un valioso puntos na súa visita ao campo do Outeiro de Rei, un resultado que mantén ao equipo de Juan Rodríguez na cuarta praza. Pola súa banda, o Taboada e o Monterroso A tamén asinaron táboas (1-1) no municipal da Medela, mentres que o Chantada Atlético conquistou un punto a domicilio ante o Friol A, un rival pola permanencia.