A trastienda da vendima heroica

Luis Díaz
luís díaz MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

As modernas tecnoloxías conviven coas prácticas tradicionais nas adegas da Ribeira Sacra. O antigo pisado da uva imponse nas marcas punteiras

14 oct 2019 . Actualizado ás 09:41 h.

Tras mes e medio de intensa actividade, a vendima toca ao seu fin na Ribeira Sacra. Deixa máis de sete millóns de quilos de uva, a maior colleita na historia da denominación de orixe. As vides traían carga nun ano sen apenas pragas. Nunha entrada de outono benévola no meteorolóxico, os viticultores puideron colleitar sen urxencias. A imaxe dos vendimiadores desafiando a vertixe dos bancales xa é case unha icona. O que se cociña logo nas adegas pasa máis desapercibido. Aquí desvelamos algúns detalles da trastienda da vendima.

Inmerso na penumbra dunha enorme cuba de madeira, Pedro Rodríguez pisa acios enteiros pola vella. Todos os tintos de Adega Guímaro que pasan por barrica fermentan con raspón. Para o viño Camiño Real, a metade da uva cocerá co cangallo. A Ponte ou Pombeiras, aprovéitano ao cento por cento. «Gústanos a sensación que deixa na boca, máis fresca», di o adegueiro. «O que non podes -explica- é andar con máquinas. Hai que ir con coidado para non sacar verdores no viño».

Tecnoloxía e tradición conviven na Ribeira Sacra. Pasa en Amandi, onde se sitúa Adega Guímaro, e tamén en Chantada, subzona á que pertence Adegas e Viñedos Lareu. Primitivo Lareu conserva, coma se dun museo tratar, a vella adega anexa ás novas instalacións onde brilla o aceiro inoxidable. Unha despalilladora aparta o raspón do acio, pero na elaboración tamén hai chiscadelas ao pasado. Se a vendima o permite, aténdese tanto ao tempo como á lúa. «Canto máis chea estea, máis sobe o zume pola cepa. Cando podo recoller a uva así, no viño nótase moita diferenza», apunta Lareu.

O segredo da mocidade

Augas abaixo do Miño, sobre a vila de Belesar, Vía Romana é un fervedoiro en vendima. Os muros de pedra da adega dan a sensación de que leva alí toda a vida. Harmonizan coa paisaxe unhas instalacións dotadas do máis moderno equipamento. Unha mesa de selección permite apartar calquera acio en mal estado. Mentres entran novas caixas de uva, sángranse os depósitos co mosto das viñas máis precoces. Acabará de fermentar en limpo, sen o sinal do bagazo, para potenciar a mocidade do viño. Unha viva cor cereixa delátao.