Le Ramsdale afina a súa puntería

luís conde MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

CEDIDA

Este inglés afincado en Pantón logra o subcampeonato nacional de tiro con arco

10 oct 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

O deportista inglés Le Ramsdale, fincado en Eiré, no municipio de Pantón, proclamouse subcampión de España de tiro con arco na modalidade de caza. Foi o pasado sábado na localidade malacitana de Mijas. E quedou a tan só unha frecha e nove puntos de conquistar o título nun torneo que reuniu a 80 participantes.

Non é de estrañar que a Ramsdale esta afección fágalle triunfar, xa que procede da cidade inglesa de Nottingham, a terra da lenda de Robin Hood, un defensor dos máis pobres que se escondía nos bosques de Sherwood e Barnsdale. No entanto, a súa gran paixón polo tiro con arco naceu fai cinco anos en Monforte.

Fai doce chegou a Eiré, e no 2014 comezou a practicar esta modalidade. «Paseando polo mercadillo dos domingos en Monforte fixeime nun arco de segunda man que estaba á venda. Vino pero seguín visitando os postos. Pero penseino mellor e regresei ao lugar onde estaba o arco para compralo, pero leveime a desagradable sorpresa de que xa se vendeu», comenta Ramsdale.

Non estaba todo perdido, xa que o vendedor lle comentou que tiña un amigo que quería desfacerse de dous arcos. O actual subcampión de España volveuse ilusionar, e en Nadal comprou os dous. «Paguei un total de 150 euros por ambos, pero teño que dicir que viñan dous lotes completos», engadiu.

Os inicios

Ramsdale comezou a practicar pola súa conta. «Na aldea preparei unha pacas de palla e contra elas lanzaba», di. No entanto, o seu obxectivo era evolucionar, porque tiña o soño de poder competir. Un bo día visitando un centro comercial de Monforte atopouse cunha persoa que lle deu referencias dun club para mellorar.

«Dixo que me coñecía e comentoume que podía adestrar cun club de Vigo. Fíxenlle caso e alá funme. Foi unha experiencia positiva, pero o feito de ter que desprazarme tanto a Vigo, fixo que só aguantase un ano. Deixei este equipo e incorporeime ao Lumelas, un conxunto de Ourense, que me permitiu dar o salto á competición», sinala.

Ramsdale foi mellorando, o que se traduciu na chegada de éxitos. Obtivo dous cuartos postos nos campionatos de España de bosque e de 3D Indoor, así como unha medalla de bronce no nacional de caza do 2017. Gañou dous campionatos galegos na modalidade de arco libre, e este ano deu un paso máis con este subcampeonato.

«Estes resultados motívanme a continuar competindo e a pórme novas e ambiciosas metas», asegura. Logrou que o seu fillo Clay -ten 9 anos- e o seu pai, Frank, tamén se iniciasen nesta modalidade.

Á hora de analizar as cualidades que debe reunir todo tirador, Ramsdale é claro. «Necesítase moita paciencia e un bo ollo. Iso si, e moitas horas de adestramento», puntualiza.

Le Ramsdale ten en mente novos proxectos. Un é o de crear un club de tiro con arco en Pantón. No seu día impartiu clases desta modalidade nas escolas deportivas municipais. Eran os mércores entre as catro e as seis da tarde.

O deportista está totalmente integrado no municipio, no que dirixe unha tenda de mobles de castiñeiro, actividade que combina coa súa paixón.