«Sería recomendable recuperar as alvarizas para defender as colmeas»

Francisco Albo
francisco albo QUIROGA / LA VOZ

LEMOS

Un perro mastín
Un can mastín CEDIDA

López-Bao dará na estación científica de Seoane unha charla sobre a convivencia entre humanos e grandes carnívoros

20 ago 2019 . Actualizado ás 20:34 h.

Natural de San Clodio -Ribas de Sil-, o biólogo José Vicente López-Bao traballa como investigador na Universidade de Oviedo -dentro do programa Ramón e Cajal-, centrado na conservación de poboacións de grandes vertebrados, como os grandes carnívoros, e colabora coa Fundación Ouso Pardo na conservación do oso pardo en España. O 4 de setembro dará na estación científica de Seoane do Courel -ás 10.30 horas- unha charla sobre a convivencia e os conflitos entre os grandes carnívoros e os humanos. A conferencia forma parte dun seminario centrado na conservación do oso pardo do Courel.

-Os ataques a colmeas son o principal problema causado pola expansión do oso pardo no Courel. É suficiente protexelas con pastores eléctricos?

-Nun territorio como O Courel e arredores, onde o oso pardo levaba varias décadas ausente e volveu a recolonizar o territorio, se a apicultura é unha actividade da zona e as colmeas non están protexidas é esperable que os osos fagan danos ás colmeas. Os pastores eléctricos, a condición de que estean ben instalados e ben mantidos, poden reducir consideramente o risco de danos aos colmenares, aínda que o risco nunca é cero. Por exemplo, pode producirse algún fallo técnico no sistema elécticro, polo que se anda preto un oso, poderíase producir un dano. Por iso é importante prestar moita atención ao mantemento da efectividade do método de protección que se decida usar. Hai que ter en conta que non abonda con instalar os pastores eléctricos, porque para que estes dispositivos resulten útiles hai que seguir unhas normas adecuadas de uso e realizar unhas tarefas de mantemento. Se se instala un pastor eléctrico e despois un se despreocupa de mantelo, corre o risco de sufrir algún dano e pódese xerar a sensación errónea de que o sistema non é útil. Nos lugares onde se empregan de xeito apropiado, os danos aos colmenares redúcense dunha forma moi notable. Pero aínda que os pastores eléctricos poden ser moi efectivos, penso que nun territorio como O Courel, onde se utilizaron de forma tradicional alvarizas cun enorme valor etnográfico, á hora de protexer as colmeas, sería tamén recomendable recuperar e fomentar o uso destas antigas alvarizas ou alvares. Isto talvez tamén requira adaptar o sistema ás necesidades actuais, doutra banda.

-Ata que punto resulta efectivo este sistema tradicional?

-Estruturalmente, as alvarizas están moi ben pensadas para cumprir esta función de protección das colmeas e gran parte do seu deseño pode seguir sendo útil na actualidade. A serra do Courel é probablemente una das zonas onde se rexistra unha maior densidade destas construcións, polo que tamén teñen moito interese desde o punto de vista histórico e etnográfico, e de cara ao turismo.

-Que obstáculos pode haber para recuperar o seu uso?

-O problema é que unha gran parte delas están agora en mal estado de conservación e mesmo en ruína, e a maior parte delas probablemente non serían funcionais á hora de protexer as colmeas dos osos. Sería aconsellable recuperar e fomentar o seu uso -que é precisamente un dos obxectivos do proxecto Life- e habería que ver cantas se poden recuperar hoxe dun xeito óptima para a súa utilización como defensa dos colmenares. E a aceptabilidade dos apicultores a volver utilizalas, claro.

«É importante protexer ben os rabaños»

López-Bao considera de especial importancia que se difunda información veraz sobre o que significa convivir cos osos

-Coa expansión do oso na montaña lucense pódense producir ataques ao gando?

-Actualmente estimamos que na cordilleira Cantábrica a poboación de oso pardo pode roldar os 350 exemplares e nas montañas orientais de Lugo poden considerarse xa áreas de presenza estable da especie, sobre todo debido á presenza de machos subadultos, porque o proceso de expansión das femias é máis lento. Aínda así, o número de ataques ao gando -sen contar a apicultura- é moi pequeno. Aínda que o risco nunca se pode descartar por completo, é importante protexer adecuadamente os rabaños, por exemplo mediante o uso de cans mastines, o cal será beneficioso non sólo para reducir riscos asociados á presenza do oso, senón tamén do lobo.

-E hai risco de encontros problemáticos con humanos?

-Falar de ataques de osos a persoas é máis ben unha cuestión semántica, porque hai que precisar ben que se entende por un ataque. O número destes encontros é España é moi baixo. Entre 1989 e 2018 recompilamos sete incidentes deste tipo e despois de estudar caso por caso chegamos á conclusión de que a maioría das veces son reaccións defensivas do oso tras un encontro repentino con humanos a curtas distancias. Por iso é importante informar adecuadamente sobre como comportarse en áreas de presenza de oso. A maioría das veces o oso afastarase antes de que poidamos REVISAR advertir a súa presenza.