O pintado dos pasos de peóns en Monforte aínda terá que agardar

Luis Díaz
LUIS DÍAZ MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

CARLOS CORTÉS

As trabas á aprobación dos orzamentos impediron contratar os traballos

12 ago 2019 . Actualizado ás 19:21 h.

A tortuosa carreira para a aprobación dos orzamentos municipais por fin rematou. Superaron o último obstáculo o pasado martes, co anuncio da súa aprobación definitiva no Boletín Oficial da Provincia. O período dun mes de exposición pública, iniciado tras a súa aprobación no primeiro pleno extraordinario do actual mandato, finalizou sen que se presentase alegación algunha. As contas do 2019, bloqueadas desde finais do pasado ano, xa están en vigor para todos os efectos. O pulso político que impediu aprobalas antes deixa, con todo, algún que outro dano colateral. O pintado da sinalización viaria, por exemplo, terá que agardar por unha vez a que pase o verán.

Moitos pasos de peóns apenas se distinguen nas rúas debido ao desgaste da pintura, que nestes casos adoita ter por regra xeral menos dun ano de vida útil. O Concello escolle sistematicamente os meses de verán, e en concreto as semanas previas ás festas patronais, para a renovación do pintado dos sinais horizontais. O tempo previsiblemente seco xustifica a elección destas datas, aínda que con iso tamén se busque dar boa imaxe na época de maior afluencia de visitantes.

Por vez primeira en moito tempo, con todo, as festas de agosto arrincan sen que se realizaron eses traballos. O alcalde, José Tomei, explica que o atraso se debe aos problemas con que tropezou para sacar adiante os orzamentos no anterior mandato. «É unha das consecuencias que tivo un comportamento que merece a etiqueta de irresponsable», apunta Tomei.

Empresas de vacacións

A prórroga das contas do exercicio anterior evitou a paralización da actividade municipal, pero privou momentaneamente ao equipo de goberno do crédito preciso para afrontar outros compromisos. «A aprobación dos presupostos chega co verán moi avanzado, nunha época na que as empresas danlle vacacións aos traballadores», sinala o alcalde.

O concurso para licitar o pintado da sinalización horizontal deberá agardar, polo que parece, a que conclúa a paréntese vacacional do mes de agosto. A Policía Local xa elaborou o informe sobre a situación das marcas viarias no centro urbano que serve de referencia para fixar prioridades na adxudicación das obras.

A maioría absoluta que obtiveron os socialistas nas pasadas eleccións locais converteu nun mero trámite a aprobación dos orzamentos do 2019 no pleno celebrado o pasado 4 de xullo. Non sucedeu así a finais do anterior exercicio, cando intentaron sacalos adiante a pesar do seu goberno en minoría. Esgotadas as dúas mocións de confianza das que podía botar man, viron como a súa proposta era rexeitada sistematicamente polo pleno.

Os orzamentos do 2019 ascenden finalmente a 12.933.051 euros, dos que 5.2666.773 corresponden a ingresos por impostos directos e 2.099.303 a diferentes taxas municipais. En transferencias doutras administracións, o Concello percibirá 5.393.729 euros. En canto ao gasto, 4.734.896 euros son para persoal.