«Na comarca de Quiroga temos varios Arde Lucus»

Francisco Albo
francisco albo QUIROGA / LA VOZ

LEMOS

Santi M. Amil

O arqueólogo lván Álvarez Merayo falou da minería romana nun dos actos culturais vinculados á festa lucense

06 jun 2019 . Actualizado ás 20:00 h.

O arqueólogo monfortino Iván Álvarez Merayo participou na programación cultural do Arde Lucus cunha conferencia divulgativa sobre a minería romana do ouro que se dedicou en grande parte ao vasto patrimonio arqueolóxico dese período que se conserva na comarca de Quiroga, agora integrado no xeoparque Montañas do Courel.

-O Arde Lucus é unha tribuna axeitada para falar de minería romana?

-Sen dúbida é un lugar moi acaído, tendo en conta que é unha festa de exaltación do pasado romano e que a minería do sur lucense tivo unha enorme importancia nese período histórico. Así que aproveitei a ocasión que me brindou a organización do Arde Lucus para falar deste patrimonio e para animar aos veciños da capital da provincia a visitalo para coñecelo directamente. Agora con máis razón aínda, porque todo este patrimonio arqueolóxico está dentro do primeiro xeoparque de Galicia. E non hai que esquecer que na comarca quiroguesa tamén temos varios Arde Lucus, como as festas de ambientación romana de Quiroga ou de Margaride. Esta última celébrase ademais nunha auténtica mina romana.

-Que lle recomendaría ver a un visitante que chega a este territorio por primeira vez e quere coñecer o patrimonio mineiro romano?

-En primeiro lugar é imprescindible visitar o túnel de Montefurado, sen dúbida un dos monumentos máis importantes de todo deste conxunto. Tamén recomendaría a ruta das minas do Covallón, en Ribas de Sil. E as minas de Margaride, que presentan a peculiaridade de que son mantidas polos propios veciños, que organizan unha festa histórica nese lugar e que cumpren polo tanto unha importante función social. No municipio de Folgoso do Courel aconsellaría visitar en primeiro lugar o castro da Torre, moi vinculado á minería, e o túnel mineiro de Romeor. Pero estes son só algúns lugares entre moitos outros.

-Que espazo ocupa este patrimonio dentro do xeoparque?

-É un recurso máis, e un dos máis importantes. Hai rastros da minería romana noutras partes de Galicia, como por exemplo en Melide, pero este conxunto de explotacións é un dos máis notables de todo o territorio galego. As minas romanas que se encontran dentro do xeoparque supoñen unha boa parte de todo o conxunto de explotacións mineiras antigas que existiron no noroeste. A minería, por outro lado, é algo estreitamente vinculado coa xeoloxía, porque se aquí houbo explotacións mineiras na época romana foi grazas ás características xeolóxicas deste territorio, á existencia de rochas que conteñen ouro. Así é posible ensinar aos visitantes do xeoparque moitas cousas de interese sobre a historia antiga do noroeste ibérico, a historia da minería e ao mesmo tempo a historia da Terra. Pero entre os valores do xeoparque hai tamén outras cousas de gran interese, como poden ser as microrreservas de orquídeas que se crearon en tempos recentes na serra do Courel. Todos estes elementos combinados poden axudar a impulsar o xeoparque e a conseguir que se transforme nunha ferramenta importante para o desenvolvemento deste territorio.

-En que medida pode axudar a divulgar este patrimonio o museo da minería romana que se proxecta abrir en Ribas de Sil?

-Creo que contar cunha infraestrutura deste tipo é algo moi necesario para dar a coñecer os valores do xeoparque. Cando estea construído formará un trío perfecto co museo de xeoloxía de Quiroga e o centro de interpretación das covas que abriron hai pouco tempo no municipio de Folgoso do Courel.

«As antigas minas de ouro son un dos recursos máis importantes do xeoparque»