O Ribeira Sacra brillou no galego

luís conde MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

CEDIDA

O equipo alevín feminino conquistou a cuarta praza en terras coruñesas

28 may 2019 . Actualizado ás 20:17 h.

O equipo alevín do Ribeira Sacra deu a talla na fase final do campionato galego de voleibol que se disputou na Coruña esta fin de semana. As xogadoras de Oriol Aira finalizaron en cuarto lugar, certificando un bo campionato. Este resultado ten mérito, xa que se viron as caras contra os transatlánticos do voleibol de base galego.

As monfortinas superaron ao Dompa na primeira fase por 2-0 (27-25 e 26-24). En semifinais sucumbiron ante as Calasancias por 2-0 (25-14 e 25-23). A pesar de perder, as xogadoras que nesta ocasión dirixiu Noelia Dacosta, foron de menos a máis, o que fixo que estivesen a piques de forzar un terceiro set.

No partido polo terceiro e cuarto posto, o Ribeira Sacra perdeu co Liceo A Paz por 2-1 (25-23, 19-25 e 15-13). O director deportivo do club, Manolo Martínez, felicitou ás súas xogadoras e cadro técnico por esta tempada e polo cuarto posto. «Estamos moi ledos, porque superaron as expectativas, e teño que dicir que aquí contamos con rapazas que teñen moito futuro», comenta Martínez.

Tanto A Gándara como o equipo dos Escolapios en masculino e feminino, respectivamente, non superaron a primeira fase.

Agora, a atención está centrada na fase final do campionato de España, evento no que estará presente o cadete feminino. As novas promesas de Verónica Contreras están ilusionadas e agardan facer un bo papel en Almería. O equipo está a adestrar con intensidade para esta cita nacional.

Galicia gañou a Braga-Viana en Quiroga

Quiroga foi o escenario o domingo do partido de volta entre a selección galega cadete e o equipo portugués do Braga-Viana do Castelo. O conxunto que prepara Juan Carlos Suárez impúxose por 3-0 (25-19, 25-17 e 25-18), resultado que lle serviu para proclamarse campión do segundo trofeo Minho-Galicia. Hai que lembrar que no partido de ida, as novas promesas galegas xa gañaran.

Esta fin de semana, Quiroga será escenario dunha nova concentración infantil, na que estarán os seguintes deportistas do CV Korbis: Anier Mariño, Luis Antonio Cota, Carla Hernández, Laura Díaz e Sara Rodríguez. Mariño non poderá estar, xa que foi convocado pola federación española para participar esta fin de semana nunha xornada de tecnificación en Palencia.

Os días 22 e 23 de xuño, uns 150 deportistas competirán en Quiroga coas seleccións galega e cántabra no que será a fase de preparación para o campionato de España de voleibol.

Este venres, ás sete e media da tarde, o pavillón da Pinguela será escenario do partido de ascenso da liga galega cadete entre o CV Korbis e o Dompa Xestión.