«Quero que se respire unha atmosfera más cordial e libre»

Francisco Albo
francisco albo QUIROGA / LA VOZ

LEMOS

Xosé Manuel Fernández Montes, candidato do BNG á alcaldía de Quiroga
Xosé Manuel Fernández Montes, candidato do BNG á alcaldía de Quiroga CEDIDA

Xosé Manuel Fernández aspira á alcaldía de Quiroga cun programa centrado na creación de emprego e a atención ao rural

17 may 2019 . Actualizado ás 21:26 h.

Natural dos Anguieiros, na parroquia de Montefurado, Xosé Manuel Fernández Montes encabeza por primeira vez en Quiroga a lista do BNG, da que xa formou parte nas anteriores eleccións.

-Que posibilidades cre que ten de chegar á alcaldía?

-Teño ben presente que é moi difícil nun municipio onde o PP leva oito lexislaturas con maioría absoluta, pero non queremos deixar de intentalo. Notamos un desgaste no goberno local despois de tantos anos. Estamos poñendo moito esforzo en ter máis presenza no Concello da que temos agora e penso que o lograremos.

-Cales son as súas prioridades?

-En primeiro lugar a creación de emprego. Hai poucos postos de traballo e os que hai están moi condicionados pola afinidade ao partido gobernante. Moita xente vaise para fóra e estase dando un baleiro demográfico tremendo. Penso que hai que poñer en marcha un programa de fomento do autoemprego e crear un departamento específico para rastrear empresas ás que lles poida interesar instalarse no polígono industrial. Hai que ir buscalas, non esperan a que veñan. Coincidimos en que o turismo é importantísimo, pero hai que esforzarse máis por aproveitar as oportunidades que nos brindan o xeoparque, o Camiño de Inverno e a posible declaración da Ribeira Sacra como patrimonio da humanidade. Outro eixo do noso programa é a atención ao medio rural. É preciso facilitarlle a vida ás persoas que queren seguir vivindo nas parroquias.

-Como cre que debe funcionar a corporación?

-É necesario fomentar a participación dos veciños, que haxa máis posibilidades de asistir aos plenos e que se fomente o diálogo. Se chego á alcaldía, quero que se respire outra atmosfera máis cordial e libre, que ninguén se sinta premido por seguir calquera opción política. E que os pedáneos sexan escollidos polos veciños e non polo alcalde.