Comeza en Monforte o certame teatral para centros de ensino

La Voz

LEMOS

ALBERTO LÓPEZ

Os alumnos do Colexio Novo ofrecerán a primeira representación na Casa de Cultura

24 abr 2019 . Actualizado ás 20:29 h.

Unha representación a cargo dos alumnos do Colexio Novo abrirá este xoves no auditorio da Casa de Cultura de Monforte a edición número 28 do Certame Municipal de Teatro para Centros de Ensino. O grupo representará a obra, A unión fai a Terra, orixinal de Macu Sanz e dirixida por Paqui Abeledo. A peza xira en torno á ameaza da destrución da Terra a causa dos problemas medioambientais.

A segunda representación do certame ofrecerase o venres e correrá a cargo do grupo teatral do instituto A Pinguela, que porá en escena a obra Lingua de lata, adaptada por Francisco Oti e Julio Fernández. A peza ten por protagonista ao célebre escritor e aviador francés Antoine de Saint-Exupéry.

O ciclo pecharase o próximo luns coa representación da peza Bar Manolo polos alumnos do Colexio Ferroviario, baixo a dirección de Sabela González Chas e Juan José Diéguez López. Trátase dunha comedia en torno aos premios de lotería.

Todas as funcións programadas neste ciclo teatral comezarán ás oito da tarde e a entrada será libre.