A minería romana do futuro geoparque darase a coñecer en Xixón

LEMOS

CARLOS RUEDA

As investigacións sobre as antigas estruturas hidráulicas deste territorio serán presentadas nun congreso internacional de arqueoloxía

15 mares 2019 . Actualizado ás 12:45 h.

As pegadas da minería romana no territorio do proxectado geoparque Montañas do Courel serán presentadas no quinto Coloquio Internacional de Arqueoloxía de Xixón, que se celebrará nesta cidade asturiana entre o 2 e o 4 de abril. O simposio estará dedicado á arqueoloxía das estruturas hidráulicas. No programa figura unha comunicación sobre a integración das construcións hidráulicas da época romana no futuro geoparque que será presentada polos arqueólogos Iván Álvarez Merayo e Daniel Ballesteros; o director do museo xeolóxico de Quiroga, Ramón Vila, e o xerente do grupo de desenvolvemento rural Ribeira Sacra-Courel, Martín Alemparte. Esta comunicación presentarase o día 4 -ás 12.15 horas- no edificio da Escola de Comercio de Xixón, que acollerá o simposio.

Nun folleto editado polos organizadores do congreso para dar a coñecer o programa figura unha fotografía do túnel mineiro romano de Montefurado -na imaxe sobre estas liñas-, situado no municipio de Quiroga. Así mesmo, inclúe unha breve explicación acerca dos estudos realizados sobre as estruturas hidráulicas romanas do futuro geoparque na que se indica que se puideron identificar unha vintena deles neste territorio e que comprenden «canles de auga de ata cinco quilómetros de lonxitude, depósitos de auga e túneles, como o de Montefurado, de 120 metros de longo e 20 metros de diámetro, que desvía o río Sil do seu curso natural».