Bóveda e Ferreira reafirman a súa candidatura ao ascenso

La Voz MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

ROI FERNÁNDEZ

12 feb 2019 . Actualizado ás 20:00 h.

O Bóveda e o Ferreira métense de cheo de novo na loita polo ascenso ao grupo terceiro da Primeira Autonómica. Os dous conxuntos sumaron senllos triunfos a pasada xornada de liga. O equipo que prepara Cabanelas impúxose pola mínima (1-2) no difícil campo do Becerreá, equipo que traballa para non descender.

O partido foi intenso, e cando todo parecía que a vitoria caería ao lado do Bóveda -os visitantes adiantáronse no marcador por medio de Hugo-, no minuto 80 chegaba o empate. Podía parecer que este gol sería un xerro de auga fría para os discípulos de Cabanelas, que con todo reaccionaron ben, logrando Anás o tanto da vitoria. Con este resultado, o Bóveda colócase na terceira praza da clasificación. Suma 34 puntos, tres menos que o líder, o Palas , que non pasou do empate ante o Portomarín, e un menos que o San Roque.

Pola súa banda, o Ferreira arroiou nun dos mellores partidos da tempada ao Corgo. Os futbolistas que prepara Julio Corral saíron en tromba no campo do Baliño, conscientes da transcendencia dos tres puntos en xogo. Con este 5-0, o cadro de Corral sitúase cuarto, con 32 puntos.

Victoria do Brollón

O Brollón reaccionou ben ante o Santa Comba. Os futbolistas de Chura repuxéronse ao 1-0 e acabaron gañando 1-2 aos lucenses. O cadro dos Medos sitúase na undécima praza, con 24 puntos. A xornada completouse coa derrota do Chantada B ante o San Lázaro e do empate do Incio ante o Oural.

A próxima xornada depara os seguintes partidos: Oural-Brollón, Bóveda-Santa Comba, Monterroso B-Incio, Guntín-Ferreira e Lucense-Chantada B.