Tras o rastro da aguia pescadora no encoro de Belesar

Francisco Albo
fRANCISCO ALBO MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

CARLOS SANJURJO

A Ribeira Sacra volve ser unha das áreas elixidas para realizar un censo anual destas rapaces migratorias

12 ene 2019 . Actualizado ás 08:53 h.

Desde onte ata mañá realizarase por terceiro ano consecutivo un censo das poboacións invernais de aguia pescadora na Península Ibérica, un labor que en Galicia será desenvolvida pola Sociedade Galega de Ornitoloxía. A Ribeira Sacra é unha das áreas nas que levan a cabo as observacións, xa que en anteriores anos se documentou nela a presenza destas rapaces migratorias, que só nesta estación pódense ver no territorio galego. A maioría dos exemplares que visitan Galicia proceden probablemente do norte de Europa.

David Rodríguez Sobreira, coordinador desta campaña nas provincias de Lugo, Ourense e Pontevedra, sinala que na maioría dos lugares de Galicia onde está rexistrada a presenza estacional da aguia pescadora, o normal é avistar un só exemplar cada tempada. É o que sucede no encoro de Belesar, onde foi catalogado un individuo no censo do ano pasado. Nos últimos días tamén se puido ver un único exemplar na mesma zona, na contorna de Portomarín.

No censo do 2018, a única excepción a esta regra foi a ría de Ribadeo, onde se detectaron catro exemplares. «Non é nada habitual rexistrar a presenza de varios individuos nunha mesma zona -sinala Rodríguez-, porque a aguia pescadora non vén a Galicia a criar senón a buscar alimento para sobrevivir durante o inverno, e os que chegan aquí son exemplares illados que se poden dispersar por áreas xeográficas moi extensas».

Outros lugares

Ademais dos lugares mencionados, na provincia de Lugo tamén se avistou o ano pasado un exemplar de aguia pescadora na ría de Foz. Na provincia de Pontevedra rexistráronse dúas, un no estuario do Miño e outra na ría de Vigo. Os demais exemplares inventariados no 2018 foron vistos en seis puntos da provincia da Coruña, situados no encoro de Fervenza, as rías de Betanzos, Ortigueira e Arousa, e os estuarios do Tambre e o Anllóns. Tamén se efectuaron observacións de campo en varias zonas da provincia ourensá, pero en en este territorio non se puido ver ningún exemplar o ano pasado, aínda que si se detectou un no 2017.

As observacións que levarán a cabo esta fin de semana corren a cargo de voluntarios residentes nos lugares elixidos para realizar o censo. No sur lucense participan neste labor varios veciños de de Taboada, Monterroso e Lugo. «No encoro de Belesar haberá tres observadores e un no de Santo Estevo», sinala Rodríguez Sobreira.

O ano pasado participaron nesta campaña 48 voluntarios de toda Galicia e levaron a cabo observacións en 39 localidades. Entre os censos do 2017 e o 2018 realizáronse avistamentos de aguias en dezaseis lugares. Na metade deles as aves estiveron presentes en ambos os anos. Esta vez está previsto visitar ademais outros dez lugares non incluídos no rastreo do 2018. Na Ribeira Sacra tamén se efectuaron observacións nos encoros dos Peares, Santo Estevo e San Martiño.

No territorio galego pasan o inverno uns dezaseis exemplares

A realización do censo ibérico é promovido polas asociacións Amigos da Aguia Pescadora e Aves de Portugal, xunto coa Fundación Migres. Tras o éxito da primeira experiencia realizada no 2017, os promotores decidiron seguir elaborando este reconto de forma anual.

Nas observacións realizadas ata agora se contaron entre once e dezaseis exemplares de aguias pescadoras invernantes en Galicia. Esta cifra supón entre o 5,4% e o 7,8% do total de aves desta especie rexistradas en todo o territorio español durante o 2017. A aguia pescadora criaba ata comezos do século pasado nalgunhas áreas da península, pero estas poboacións acabaron por desaparecer. En tempos recentes foi reintroducida como especie nidificante en Cádiz e Huelva.

 

UNHA ESPECIE MOI Escasa na península

Aínda que é unha especie amplamente estendida por Europa, Asia, África e América, a aguia pescadora (Pandion haliaetus) é actualmente una das rapaces máis escasas en España. As persoas que desexen participar nos censos anuais que comezaron a realizarse en Galicia no 2017 poden ofrecerse como colaboradores voluntarios á Sociedade Galega de Ornitoloxía. Á esquerda, un exemplar de aguia pescadora en pleno voo.