Catro louseiras da comarca de Quiroga invisten 667.300 euros en loitar contra a silicose

La Voz QUIROGA / LA VOZ

LEMOS

CEDIDA

12 ene 2019 . Actualizado ás 19:04 h.

Catro empresas do sector louseiro da comarca de Quiroga investiron un total de 667.300 euros nunha serie de medidas que teñen por obxecto reducir a exposición dos traballadores ao po de sílice e por conseguinte a rebaixar o risco de contraer a silicose. As industrias levaron a cabo estas intervencións co apoio dunha liña de axudas da Xunta destinada a favorecer a implantación de tecnoloxías innovadoras e o desenvolvemento de melloras técnicas encamiñadas a loitar contra os efectos do po de sílice no sector mineiro da comunidade.

Segundo indicaron fontes da Consellería de Economía, Emprego e Industria, estas actuacións consistiron en xeral en instalas sistemas de extracción forzada do po de sílice en diferentes postos de traballo e en mecanismos encargados de garantir un maior grao de limpeza no aire, como son os nebulizadores de auga. As axudas concedidas pola Xunta a estas empresas suman en conxunto 353.300 euros, mentres que o resto foi achegado polas propias louseiras.

Visita á Campa

O delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, visitou onte no municipio de Folgoso do Courel a explotación louseira da Campa, unha das empresas que se beneficiaron deste programa. Na visita estivo presente a alcaldesa Dolores Castro. Segundo apuntou Balseiro, todas as louseiras da comarca acollidas a este programa recibiron a porcentaxe máxima de axuda autorizado na convocatoria. No caso da canteira da Campa -precisou o delegado-, a porcentaxe foi do 40% «por tratarse dun grupo empresarial de tamaño grande». As outras firmas beneficiadas foron unha pequena empresa e unha microempresa do municipio de Quiroga e outra microempresa situada en Ribas de Sil, que recibiron cada unha o 60% do investimento subvencionable. No caso da empresa da Campa, a axuda serviu para instalar un sistema de extracción de po nas máquinas cortadoras de lousa e contratar os servizos dunha empresa especializada de consultoría.