Unha xornada na que a ilusión desafiou ao frío

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

Numerosas persoas participaron no tradicional festexo no sur lucense a pesar das baixas temperaturas

06 ene 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

O ano pasado, a ameaza de choiva -que ao final non se cumpriu- fixo temer que as cabalgatas de Reyes quedasen deslucidas no sur lucense. As condicións meteorolóxicas deste ano foron moi disitintas e non foi á auga senón ao frío ao que houbo que facer fronte para celebrar a tradicional festividade. Cando As súas Maxestades chegaron onte en tren a Monforte, preto das cinco da tarde, a temperatura roldaba os 2,6 graos. Pese ao tempo desapracible, foron moitas as persoas que se reuniron na estación ferroviaria para darlles a benvida e para acompañar á cabalgata ata a casa consistorial, onde se ofreceu a tradicional recepción aos nenos despois de que os Reis desen un discurso desde o balcón.

Os Reis Magos tamén acudiron á súa cita anual na maioría dos municipios do sur lucense. En Sober foi onde máis madrugaron, presentándose na residencia de maiores cara ás doce do mediodía para despois ofrecer unha recepción aos nenos na Casa de Cultura. Pola tarde houbo cabalgatas e festas infantís en Chantada, Quiroga, O Saviñao, Pantón, Bóveda, A Pobra do Brollón, Taboada, Carballedo, Ribas de Sil e Folgoso do Courel.

No Incio, en cambio, a visita dos Reis Magos terá lugar hoxe no centro multiusos do Concello. Será a partir das seis da tarde nun festexo no que haberá agasallos e unha chocolatada acompañada de roscón de Reyes.