O anticiclón converte o sur lucense en «zona cero» do frío

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

CARLOS RUEDA

A persistencia das néboas impide que as temperaturas suban durante o día

04 ene 2019 . Actualizado ás 08:09 h.

Pasados máis de dous meses desde as nevadas que caeron no sur lucense a finais de outubro, as precipitacións están totalmente ausentes no territorio debido ao tempo anticiclónico. Con todo, un frío intenso e persistente está a marcar a primeira semana do ano, especialmente nas áreas máis baixas. Meteogalicia sinalou na súa conta de Twitter que a «zona cero» do frío en Galicia estivo onte no sur e o centro da provincia, e precisou que no municipio de Bóveda a temperatura máxima foi de 1,4 graos centígrados. «Máis frío que en Berlín e case tanto como en Moscova» -onde a máxima foi dun grao baixo cero-, engadiron os meteorólogos.

A situación non foi mellor onte no centro urbano de Monforte. O observatorio de Meteogalicia na cidade está inactivo, pero a temperatura non subiu dos 1,1 graos centígrados en toda a xornada, segundo os datos rexistrados nunha estación privada que se difunden na web terradelemos.com. A temperatura mínima de onte en leste mesmo punto foi de 1,5 graos baixo cero. Do mesmo xeito que nos anteriores días, as néboas constantes non permitiron que o sol axudase a subir os termómetros, de maneira que o contraste de temperaturas entre a noite e o día foi moi reducido.

A maioría dos observatorios de Meteogalicia no sur lucense tamén rexistraron onte mínimas por baixo de cero. A máis baixa foi a de Bóveda, con 2,5 graos negativos. A máis alta, a de Folgoso do Courel, con 1,54 graos. Neste último lugar rexistrouse tamén a máxima máis alta de onte, con 13,46 graos. As máximas máis baixas foron a mencionada de Monforte e a de Bóveda, con 1,38 graos.

Áreas altas e baixas

Os datos da rede de observatorios de Meteogalicia mostran doutra banda un singular contraste de temperaturas entre as zonas altas e baixas. Cara ás sete da tarde de onte, mentres o termómetro marcaba 0,3 graos baixo cero na área urbana de Monforte -do mesmo xeito que en Bóveda-, no observatorio do monte Marroxo, a 645 metros de altura, a temperatura era de 8,3 graos. Á mesma hora, o observatorio de San Clodio de Ribas de Sil -a 257 metros de altura-, rexistraba 1,9 graos, mentres que o do próximo monte quirogués da Conchada -a 697 metros- marcaba 6,4 graos.

Nos últimos días, por outra banda, o termómetro caeu por baixo dos cero graos en varias ocasións en diversas áreas do sur da provincia. En Bóveda rexistrouse unha temperatura mínima de 5,6 graos negativos o 31 de decembro, que foi respectivamente de 2,8 e 0,6 baixo cero durante os dous seguintes días. En Monforte, o mercurio caeu a 2,4 baixo cero durante a Noitevella e a 4,8 na noite do 1 ao 2 de xaneiro. Os observatorios de Meteogalicia situados nos municipios de Chantada, Quiroga, Ribas de Sil, Sober e Pantón tamén rexistraron temperaturas por baixo cero durante os pasados días.

A situación non parece que vaia a cambiar de inmediato, xa que as predicións de Meteogalicia indican que a influencia anticiclónica seguirá predominando en toda a comunidade durante a próxima semana.

En Monforte e Bóveda rexístranse uns valores similares aos

de Berlín e Moscova