O Colexio da Compaña será declarado ben de interese cultural

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

JESÚS R. MONTERO

Cultura iniciará de inmediato a tramitación desta figura legal de protección

13 dic 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

A Consellería de Cultura e Turismo iniciará de inmediato os trámites para declarar como ben de interese cultural (BIC) o edificio do colexio monfortino da Compaña. Así o anunciou o responsable deste departamento, Román Rodríguez, nun encontro que mantivo o pasado martes cos responsables do colexio Escolapios, instalado neste edificio desde o século XIX. Por agora non se sabe cando estará concluído o proceso de tramitación, pero a dirección do centro educativo espera que isto suceda durante o primeiro semestre do 2019.

Os responsables do colexio confían por outra banda en que a obtención desta categoría axude a conseguir axudas económicas para efectuar traballos de reparación e mantemento do edificio monumental. «Conservar en bon estado un inmoble histórico destas dimensións resulta moi complicado e custoso, e o feito de ser BIC pode ser moi útil para obter subvencións coa fin de financiar este tipo de traballos», apunta o director do colexio, Pablo Blanco .

Renovar a cuberta

Unha intervención que sería especialmente necesaria neste aspecto -continúa- consiste en renovar a cuberta. «A última vez que se fixo algo así utilizáronse tellas de mala calidade que agora están rebentadas en gran parte, e está claro que contar cunha cuberta en boas condicións é algo básico para a conservación do edificio», agrega o director.

Blanco apunta doutra banda que os informes que encargou a consellería con vistas á declaración como ben de interese cultural sinalaron a pertinencia dunha medida deste tipo. «Os expertos viñan dicir que é inconcebible que un edificio de tanto valor histórico e artístico non conte con esa figura de proteccción», explica.

A construción do colexio, sufragada coa fortuna persoal do cardeal Rodrigo de Castro, comezou en abril de 1593. A institución estivo a cargo da Compaña de Jesús desde a súa fundación ata 1767, ano en que esta orde relixiosa foi expulsada de todos os dominios da coroa española. Ao mesmo tempo pecháronse os demais colexios xesuítas existentes en Galicia, situados en Monterrei, Ourense, Santiago, A Coruña e Pontevedra. Desde entón ata 1874, cando a orde dos escolapios fundou o actual colexio, o edificio pasou por períodos de abandono e dedicouse a diversos usos. Entre 1847 e 1862 albergou o único instituto de segundo ensino da provincia, creado con anterioridade ao de Lugo.

O edificio -deseñado polos arquitectos xesuítas Andrés Ruiz e Vermudo Resta- destaca polo seu singular valor arquitectónico e pola monumental igrexa que forma parte del, consagrada en 1619. A construción alberga ademais un valioso patrimonio artístico no que destacan particularmente un retablo maior barroco tallado no século XVII polo escultor Francisco de Moure e unha pinacoteca na que se exhiben pinturas do Greco e Andrea do Sarto, procedentes da colección privada do cardeal Rodrigo de Castro.

O proceso pode quedar completado durante o primeiro semestre do ano próximo

«Estamos recibindo cada vez máis visitantes durante todo o ano»

Odirector do colexio Escolapios, Pablo Blanco , confía en que a categoría BIC axude a apreciar e divulgar mellor ou valor histórico do edificio.

-O feito de ser BIC obriga a abrir o colexio ás visitas turísticas.

-Por iso non imos ter ningún problema, porque é algo que xa levamos facendo moito tempo. De feito, estamos recibindo cada vez máis visitantes. Só en agosto, por exemplo, tivemos máis de 1.500. Nesta temporada a afluencia non é tan alta, pero hai visitas de forma continuada durante todo o ano. Quen se encarga de guialas é a oficina de turismo.

-Vaise aproveitar esta nova categoría nas actividades educativas?

-Si, porque pensamos que é algo que pode ser de moito interese para os alumnos. Durante este curso xa estamos organizando actividades interdisciplinares en torno á historia do edificio e do cardeal Rodrigo de Castro.

-Aparte da axudar á conservación do edificio, que espera que vaia supoñer o feito de contar con este rango?

-En xeral, creo que contribuirá a que se coñeza mellor a historia do colexio e a que sexa valorada como se merece. Non hai que esquecer este edificio foi creado como institución educativa e máis de catrocentos anos despois segue cumprindo esa mesma función. Exceptuando a Universidade de Santiago, pode dicirse que é un caso único en Galicia.