As tallas do castro de Chavaga fixéronse sen permiso da Xunta

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

CEDIDA

Patrimonio estudará impor unha sanción por posibles danos no xacemento

12 dic 2018 . Actualizado ás 12:47 h.

O servizo provincial de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura abriu un expediente sobre as tallas de madeira queimada que levaron a cabo na parroquia monfortina de Chavaga despois dos incendios que sufriu esta localidade en outubro do 2017. A iniciativa tomouse por mor dunha denuncia realizada o pasado agosto pola eurodeputada galega Lídia Senra, quen pediu que se investigasen os posibles danos causados por estes traballos no castro de Chavaga.

Na resposta que enviou a parlamentaria, o mencionado servizo di que os seus técnicos «comprobaron que se fixeran unha corta de arboredo e remocións de terras, que afectan á area de protección integral e ao contorno de protección do castro». Estas actuacións -engaden- non contaron «coa previa e preceptiva autorización da Consellería de Cultura». A xefa do referido servizo provincial sinalou ademais que o pasado 29 de novembro remitiu unha copia do expediente de denuncia á Subdirección Xeral de Protección do Patrimonio Cultural, «por se consideran procedente iniciar os trámites para a incoación dun expediente sancionador aos presuntos responsables destes feitos».

Na denuncia que presentou en agosto -segundo lembra ela mesma-, Senra afirmou que nos traballos de retirada da madeira queimada utilizouse «maquinaria pesada que chegou a abrir pistas que non respectan os camiños existentes e nin sequera os muros perimetrais que existen nas cotas do monte, orixinando desperfectos no castro e nos muros de pedra antigos». Tras a resposta de Patrimonio, a eurodeputada esixe agora «que o expediente sancionador se abra canto antes» y «que se adopte unha solución efectiva xa para protexer o xacemento arqueolóxico, recuperar a zona dos danos causados e evitar que isto volva acontecer».

Nunha visita que fixo ao castro nas mesmas datas nas que presentou a denuncia a Patrimonio, Lídia Senra estivo acompañada pola deputada autonómica de En Marea Paula Vázquez Verao, quen anunciou que tamén presentaría unha iniciativa no Parlamento galego sobre estes feitos.

Catalogación oficial

O xacemento, segundo indícase na resposta de Patrimonio a Lídia Senra, está catalogado oficialmente co nome de castro de Cabo-A Coroa. Considerado como un dos xacementos castrexos máis importantes da comarca, o antigo asentamento -no que ata agora non se realizaron investigacións arqueolóxicas- ten unhas dimensións aproximadas de 170 por 140 metros e está formado por dúas plataformas rodeadas por terrapléns. Algúns investigadores opinan que o lugar puido ser reocupado na época do reino suevo. Segundo indica o historiador Xabier Moure no seu blogue Ou noso patrimonio, o asentamento é mencionado co nome de «castrum de Zabaga» nun documento do ano 572 no que se indica que servía como límite do chamado «Comitatus Paramienseis», un dos territorios nos que se dividía Galicia.

Os técnicos comprobaron que houbo movementos de terras en áreas protexidas

Os traballos de retirada de madeira queimada foron realizados en terreos privados

Unha veciña Chavaga, Teresa Rodríguez Rodríguez, afirma que no seu momento dirixiu ao Seprona -a título particular- «unha denuncia que aínda non recibiu contestación» para que se investigasen os posibles danos causados no castro durante a recollida de madeira queimada. Os terreos nos que se fixeron os traballos, explica, son propiedade de varios veciños da parroquia. «Pero penso que a responsabilidade dos destrozos que poida haber non é dos propietarios senón da empresa que fixo as obras, que é quen debía pedir autorización a Patrimonio», engade.

Rodríguez di así mesmo que cando se efectuaron as tallas realizou varios avisos por teléfono ao Concello e á Consellería de Medio Rural para que comprobasen se se estaban provocando danos no castro. «Non se fixo nada excepto unha visita que realizou a Policía Local a unha ponte que cruza a vía do ferrocarril e que tamén sufriu danos polo paso dos camións cargados de madeira», asegura.

Parecer do alcalde

Pola súa banda, o alcalde José Tomei di que ao concelleiro de Obras, José Luis Losada, non lle consta que se presentase no Concello ningunha denuncia formal sobre as tallas. «Si que se fixo un informe sobre a ponte do ferrocarril, que é de Adif, pero polo que sabemos, os danos consistiron en que se abriron unhas fochancas», apunta. «Se houbo destrozos no castro, estou de acordo en que os responsables deben ser sancionados, pero hai que esperar a ver que di Patrimonio», agrega.