Dous viños de sabor moi especial

Luis Díaz
LUIS DÍAZ MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

CEDIDA

Sílice crea unha nova marca para apoiar ás persoas con autismo e Vía Romana destina 1,5 euros de cada botella do seu primeiro rosado á loita contra o cancro

02 dic 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

A recadación de dous viños que elaboran por vez primeira adegas situadas na Ribeira Sacra destinarase, total ou parcialmente, a iniciativas de carácter solidario. Sílice, proxecto con sede en Sober pero fóra da denominación de orixe, reservou un lote dos seus tintos da colleita do 2017 para axudar á inserción laboral de persoas con autismo. Pola súa banda, Vía Romana destinará parte dos ingresos do seu primeiro rosado á asociación de loita contra o cancro creada en Chantada.

«É un viño especial para xente extraordinaria», di Carlos Rodríguez, impulsor de Sílice xunto ao seu irmán Juan Manuel e o enólogo Fredi Torres. O viño Sílice co Autismo poderase adquirir directamente a través da adega (info\siliceviticultores.com). Hai algo máis de duascentas botellas desta marca, que se comercializarán ao prezo de 30 euros. E tamén algúns mágnum que roldarán os 60 euros. Todo o recadado pasará a unha conta específica da oficina de Abanca en Sober,

Non é a primeira iniciativa impulsada por Sílice para sensibilizar á sociedade sobre o autismo. No 2015 lanzou unha campaña nas redes sociais na que colaboraron adegas e viticultores punteiros en Galicia. Carlos Rodríguez está moi satisfeito do eco que espertou ata agora a súa última idea. «Todo o mundo está a colaborar. A empresa provedora das cortizas, a que se encarga de facernos as etiquetas...», explica.

A recadación pola venda do viño será na súa totalidade para a comisión de apoio á inserción laboral da asociación Trastornos do Espectro Autista de Vigo (Teavi). Carlos Rodríguez, que vive directamente esa situación na súa familia, é un colaborador habitual de Teavi. «Creo que podemos facer algo bonito. Aínda que pode parecer pouca cousa, sei por experiencia que para a asociación pode significar moito», di o adegueiro afincado en Vigo, vinculado polas súas raíces familiares ao municipio de Sober.

Cubrir os custos

Os viños rosados están autorizados desde este ano polo consello regulador de Ribeira Sacra. O que elabora Vía Romana con fins benéficos é da colleita do 2017 e por iso non pode levar aínda o selo da denominación de orixe. A próxima anada será a do 2018 e confían en que poida lucilo. «Desta primeira experiencia fixemos algo máis de 1.300 botellas. A idea é seguir crecendo e que sempre teña carácter benéfico. Nós cubrimos custos de produción, o resto do que ingresamos é para a asociación de loita contra o cancro», explica o xerente da adega, Juan Luis Méndez.

O rosado, monovarietal de mencía, comercializarase en decembro e pola venda de cada botella reservaranse 1,5 euros para a asociación chantadina de loita contra o cancro. En tenda, o prezo oscilará entre 12 e 15 euros. O presidente da asociación, Manuel Vázquez, agradeceu na presentación do viño o apoio que lles vén prestando esta adega desde que botaron a andar no ano 2016.

os viños solidarios

Sílice co autismo

O tinto Sílice contra o autismo é da colleita do 2017 e acaba de ser embotellado pola adega. É un dos seus viños de parcela, nas que se aplica cultivo biolóxico. Todos pasan por barrica Vía Romana Rosado

O primeiro rosado de Vía Romana elabórase coa variedade mencía en depósitos de aceiro inoxidable. A adega busca un viño lixeiro e de corte xuvenil

A recadación

de Sílice será para a comisión de apoio á inserción laboral de Teavi

O rosado de Vía Romana sairá cada ano e sempre recadase fondos contra o cancro