A formación en vitivinicultura bota a andar na Ribeira Sacra

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

CEDIDA

Dezaseis alumnos asisten ao primeiro ciclo que ofrece a escola de hostalería de Sober

01 dic 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Dezaseis alumnos cursan o ciclo superior de vitivinicultura que empezou a impartir este ano a escola de hostalería de Rosende -en Sober-, xestionada pola Fundación Belarmino Fernández Iglesias. Trátase da primeira tentativa de ofrecer formación profesional neste campo que chegou a callar na Ribeira Sacra, onde con anterioridade se frustraron outros proxectos similares. O centro recibiu onte a visita do delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, que acudiu a coñecer o funcionamento deste primeiro ciclo. Durante a visita -na que participou tamén o alcalde Luis Fernández Guitián- Balseiro percorreu as dieferentes dependencias da escola nas que se imparte o novo ciclo formativo. Segundo explicou a directora do centro, Rebeca Vázquez, ao longo do curso preténdese reproducir integramente o proceso de elaboración e comercialización do viño, desde o cultivo das vides ata o embotellado e a saída do produto ao mercado.

Viñedos e adega

No que respecta ao cultivo, a escola conta cos seus propios viñedos -pertencentes ao pazo de Rivas, no que está situado o centro formativo- e tamén pode utilizar unha viña experimental do Concello de Sober que se atopa na contorna do embarcadoiro dos Chancís, ao bordo do Sil. «Por agora cultivamos uvas de mencía e godello, pero máis adiante queremos traballar tamén con outras variedades de uva utilizadas na Ribeira Sacra», indicou Vázquez. A escola dispón ademais dunha adega propia na que alumnos e profesores poden levar a cabo todo o proceso de vinificación.

O novo ciclo superior de vitivinicultura ten unha duración de dous anos académicos, cun total de 2.000 horas. A escola de Rosende é o único centro da provincia que ofrece este tipo de formación, que se imparte tamén nos institutos de ensino medio do Ribeiro -en Ribadavia- e Ramón Cabanillas -en Cambados-, ademais do centro integrado de formación profesional da Granxa, en Ponteareas.

Os responsables do centro sinalan que o perfil profesional que adquiren os alumnos destes ciclos é requirido polas empresas dedicadas á produción de uva e á elaboración, crianza e envasado de viños, destilados, mostos, vinagres e outros derivados. Os estudantes que completan o ciclo obteñen o título de técnico superior en vitivinicultura, que permite traballar como técnico vitivinícola, técnico en análise sensorial, encargado de recepción de mostos frescos e sulfitados, supervisor de columnas de destilación e concentración, encargado de liña de envasado de destilados, concentrados e vinagres, e encargado de envellecemento e crianza de destilados e vinagres.

Ademais deste ciclo, na escola de hostalería de Rosende están a impartirse actualmente ensinos de formación profesional de grao medio en cociña e gastronomía -con vinte e catro alumnos- e en servizos e restauración, con dezaoito alumnos.

Nos cursos reprodúcese na súa totalidade o proceso de elaboración

do viño

«Traballamos en contacto coa denominación de orixe»

a directora da escola de hostalería de Rosende, Rebeca Vázquez, imparte o ciclo de vinicultura xunto con Cristina Mantilla e Ernesto Márquez. «Os alumnos están moi interesados e este primeiro curso está a desenvolverse perfectamente», afirma.

-De onde proceden os alumnos deste ciclo?

-Hai estudantes dos municipios da Ribeira Sacra, pero tamén algúns de fóra. A maioría xa cursou carreiras como bioloxía ou química e algúns veñen do bacharelato.

-Colaboran dalgunha forma co consello regulador de Ribeira Sacra?

-Estamos en contacto con eles para organizar catas e outras actividades que poidan ser de interese para a formación do alumnnado. Hai poucos días asistimos a Cátaa Patrimonio no Centro do Viño de Monforte, por exemplo, e estamos a visitar adegas da denominación. Doutra banda, tamén visitamos adegas doutras partes de Galicia para observar de preto o seu funcionamento e nos próximos meses iremos ademais a outras comunidades.

-Teñen previsto incrementar máis adiante o número de alumnos e profesores?

-Claro que si, porque o ciclo completo de vitivinicultura consta de dous cursos e pretendemos impartilo na súa totalidade. Por agora só temos concedido o primeiro curso, pero deica pouco solicitaremos o segundo á Xunta. Cando poidamos REVISAR impartir os dous cursos á vez teremos máis alumnos e necesitaremos loxicamente máis profesores.