Triunfo traballado na Pastoriza

luís conde MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

CEDIDA

O Club Lemos regresou á senda da vitoria tras a súa derrota ante o Outeiro

27 novs 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

O Club Lemos suma e segue. O equipo monfortino conseguiu a domicilio ante o Pastoricense a súa décima vitoria da competición ligueira. A pesar de que non foi o seu mellor partido, a escuadra de Edu Rodríguez soubo xogarlle a un opoñente que apostou polo fútbol directo e tamén soubo sufrir nos últimos minutos do encontro, xusto ao acurtar distancias a escuadra local.

O adestrador do Club Lemos destaca, sobre todo a importancia dos tres puntos en xogo. «Era importante conseguir a vitoria e máis despois da derrota ante o Outeiro de Rei. É verdade que non foi o mellor choque que disputamos, pero fomos superiores ao rival, sobre todo na segunda metade», sinala Edu Rodríguez.

Castañer e Denís puxeron o 0-2 no marcador, pero a falta de dez minutos para a conclusión do partido, o Pastoricense acurtou distancias. Rodríguez fai fincapé na oposición que ofreceron os seus. «Adaptámonos perfectamente ao campo e a un opoñente que apostou polo xogo directo. Nos últimos dez minutos soubemos sufrir, pero iso é algo que nos pasará en máis partidos durante a liga, porque gañar a domicilio non é doado», engade Rodríguez.

Victoria necesaria

Esta vitoria chega nun momento necesario, que serve para espantar pantasmas, sobre todo despois da derrota ante o Outeiro de Rei. «Necesitabamos o triunfo, pero tampouco hai que dramatizar, porque algún partido máis perderemos. No entanto, o que teño que dicir é que estou moi contento coa traxectoria do equipo, porque ser líderes con seis puntos de vantaxe sobre o segundo con trece xornadas disputadas, é moi meritorio», asegura o preparador lemista.

O Club Lemos suma 32 puntos, seis máis que o Outeiro de Rei e o Santaballés, que son segundo e terceiro, respectivamente.