A empresa de Augas Mestas confía en abrir o club náutico

Francisco Albo
fRANCISCO ALBO QUIROGA / LA VOZ

LEMOS

ROI FERNÁNDEZ

O PP preguntará na Deputación pola depuradora do centro

27 novs 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

O grupo provincial do PP presentará hoxe no pleno da Deputación unha pregunta sobre os problemas que impiden a reapertura do club náutico de Augas Mestas, en Quiroga, cuxa xestión foi adxudicada no 2015 á empresa Tourgalia. Os populares sinalan que o goberno provincial informou en setembro que había tres posibles proxectos para dotar o complexo dun sistema de depuración de augas -necesario para conseguir a licenza de apertura do Concello- e que se estudarían para ver se cumpren a normativa legal. «Transcorreron dous meses dende aquela, polo que queremos coñecer aváncesvos para que ou complexo abra as súas portas ou antes posible e máis despois do investimento que se ten feito nel», agregan.

Pola súa banda, a empresa Tourgalia confía en que o organismo provincial solucionará este obstáculo e manifestou a súa intención de seguir adiante co proxecto do complexo turístico, aínda que hai tempo barallara a posibilidade de abandonalo. «Agora estamos satisfeitos da disposición da Deputación e agardaremos o tempo necesario para que se tomen as medidas esixidas a fin de obter a licenza de apertura», explica Juan Luis Vázquez, xerente da firma.

Valado do recinto

Ademais dun sistema de depuración de augas residuais -sinala Vázquez doutra banda-, a normativa actual para este tipo de instalacións esixe que o recinto do complexo turístico quede totalmente valado. Desta tarefa encargarase así mesmo a Deputación. Unha vez realizadas estas intervencións, Tourgalia iniciará os trámites necesarios para conseguir a licenza de apertura por parte do Concello e os permisos da confederación hidrográfica que se precisan para pór en funcionamento o sistema de depuración.

Todas as demais melloras materiais que se requirían para abrir o complexo turístico -di tamén o xerente de Tourgalia- xa foron levadas a cabo pola Deputación nos últimos tres anos. As desfeitas causadas en saqueos e actos vandálicos durante o tempo no que recinto estivo inactivo e sen vixilancia foron emendados e as instalacións xa se adaptaron ás normas actualmente vixentes sobre o funcionamento de instalacións turísticas.

Durante este tempo, por outra banda, descubriuse que a normativa legal impide utilizar como aloxamento de visitantes as tres construcións de pedra que forman parte do complexo. Unha delas usarase para aloxar ao persoal do centro e as outras dúas acollerán diferentes actividades.

Os responsables de Tourgalia apuntan así mesmo que a demora na instalación da depuradora levoulles a considerar unha posible renuncia á xestión do club náutico. Agora, con todo, agardan que o problema acabe por resolverse satisfactoriamente e tamén confían en que o complexo turístico poida sacar partido do proxectado geoparque que promoven os tres concellos da comarca de Quiroga. «Tamén pensamos que a tirolina que se pretende construír no canón do Sil co apoio da Deputación pode ser moi beneficiosa en canto a atraer visitantes a Augas Mestas», engaden.

Na imaxe sobre estas liñas, obras de acondicionamento do club náutico de Augas Mestas no 2015.