Trinta hectáreas sen uso do monte comunal de Bendollo serán alugadas para plantar oliveiras

l. d. MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

ROI FERNANDEZ

21 novs 2018 . Actualizado ás 09:53 h.

Ao redor de trinta hectáreas de monte situadas na parroquia quiroguesa de Bendollo, na súa maioría terreos comunais, serán replantadas con oliveiras de variedades autóctonas. A iniciativa para a recuperación desta superficie, ata agora sen ningún tipo de aproveitamento, forma parte dun programa de mobilidade de terras e valorización do territorio que impulsa a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader).

O subdirector de Mobilidade do Banco de Terras de Agader expuxo o proxecto aos veciños de Bendollo nunha reunión celebrada no centro social desta parroquia, na que tamén estivo presente o alcalde de Quiroga e técnicos municipais e dese departamento da Xunta. «Os veciños amosáronse de acordo co proxecto de mobilidade de terras, polo que os técnicos de Agader continuarán coa identificación dos terreos situados en dúas zonas diferentes do núcleo», explica o Concello nun comunicado.

Unha vez delimitadas as dúas leiras, procederase ao acoutado e posterior roza dos terreos. A Xunta encargarase da limpeza das leiras antes de pólas en arrendamento. Tamén establecerá, a través de Agader, as condicións, o prazo e as cantidades que deberán abonarse en concepto do uso deses terreos. A titularidade seguirá sendo, en todo caso, dos veciños de Bendollo.

A Xunta cobre os pagamentos

Na reunión cos veciños os representantes de Agader avanzaron que o alugueiro das trinta hectáreas de monte comunal estará condicionado á plantación de oliveiras con variedades propias da zona de Quiroga. «Se o arrendatario non paga, a Xunta farase cargo dos pagos», precisa o Concello. Nese suposto, e unha vez extinguido o período de concesión, «os terreos devolveranse en mellores condicións das que se atopaban inicialmente».

Agader trata de chegar a acordos similares con propietarios de terreos para impulsar a posta en valor de terreos de cultivo e contribuír ao mesmo tempo á prevención dos incendios forestais. O acordo ao que se chegou en Quiroga ten un precedente en Sober, concretamente na parroquia de Proendos, onde está previsto arrendar vinte hectáreas para pasteiros e terras de labor. O auxe da produción de aceite artesanal na comarca de Quiroga motivou que se puxese como condición para o arrendamento a plantación de olivosa de variedades arraigadas nesa zona.