O Paradela afiánzase como líder e o Lemos B entra en postos de play off

La Voz

LEMOS

RAUL CARBALLEDO

21 novs 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

O Quiroga -na imaxe sobre estas liñas- non puido sumar os tres puntos na súa visita ao campo das Eiroas ante o Paradela. Os discípulos de Andrés Nóvoa afrontaban este importante encontro co obxectivo de relevar aos locais do liderado da táboa clasificatoria do grupo sur da Terceira Autonómica, pero non puido ser.

O equipo de San Martiño encaixou unha clara derrota (3-1) nun partido no que lle pasaron factura os seus erros defensivos. Os visitantes si gozaron de ocasións para marcar e mesmo para levarse como mínimo un empate, pero concederon moita vantaxe a un Paradela que agora consolida o seu liderado e avantaxa en seis puntos aos quirogueses.

O Río Sil deu un paso adiante na súa loita por colocarse nas posicións de play off de ascenso. Os discípulos de Juan Diéguez golearon ao Taboada B por 1-5. O encontro apenas tivo historia, xa que os xogadores da Carqueixa foron moi superiores aos locais. O Río Sil é agora quinto, con nove puntos.

Un menos ten o Lemos B, que co seu triunfo en Rubián, colócase en postos de play off de ascenso. O derbi entre o Sober e o Lóstrego rematou en táboas.

A próxima xornada depara estes partidos: Quiroga-Taboada B, Río Sil-Antas, Lóstrego-Rubián e Castroverde-Sober.