O gasto de persoal sobe un 7 % e hipoteca o investimento no 2019

Luis Díaz
LUIS DÍAZ MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

CARLOS CORTÉS

Tomei leva a pleno un orzamento con «máis gasto social e menos asfalto»

20 novs 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Conta atrás para a votación do orzamento do 2019. O alcalde debullou onte as contas que baralla o equipo de goberno, a unha semana da celebración do pleno no que se decidirá se saen ou non adiante. Tras o recente rexeitamento da proposta de ordenanzas fiscais, asume que non será sinxelo atopar aliados na oposición. «Sabemos que vai ser difícil que se aproben», admite. Pero non por iso vai modificar a súa folla de ruta. «Por cuarto ano consecutivo presentamos os presupostos en tempo e forma, sen os atrasos que noutros tempos acababan converténdoos en papel mollado», di Tomei.

O alcalde carga as tintas no incremento do gasto social que recolle a súa proposta. A partida destinada á axuda a domicilio, detalla, «pasa de 1.050.000 euros a 1.171.132, o que representa un 11,5 % máis». En total, o capítulo de servizos sociais sobe en 140.476 euros fronte o 2018. No cómputo global, o orzamento crece en 220.000 euros con respecto ao anterior, ata situarse en 12.849.221 euros. Pero ese 1,75 % de incremento está moi por baixo do que se rexistra nos salarios do persoal, que soben un 7 %.

Segundo as cifras que deu a coñecer o equipo de goberno, a partida de gasto de persoal sobe no 2019 case 289.000 euros como consecuencia fundamentalmente do incremento salarial dos funcionarios. Esta circunstancia obriga a rebaixar gasto corrente «para atender outras prioridades». Tamén forza un recorte de 220.000 euros no capítulo de investimentos. «Non é un presuposto para botar asfalto, como di a oposición. Pero seguiremos facendo obras en colaboración con outras administracións», sinala o alcalde.

Outro ano sen axudas

Os socialistas gobernan en minoría e necesitan atopar apoios entre os outros grupos para sacar adiante os seus últimos presupostos antes das eleccións de maio. Esgotadas as dúas mocións de confianza que permite a normativa, se o pleno rexeita a proposta non haberá outra saída que prorrogar as contas vixentes. A subida salarial do persoal municipal non perigaría, porque está garantida por lei. As subvencións nominativas e a entidades deportivas, pola contra, poderían quedar bloqueadas durante un ano, como sucedeu na recta final do anterior mandato.

Tomei avanza que, se os resultados electorais lle sorrín, aquela situación non volverá repetirse. «Se gobernamos coa maioría suficiente, sós ou acompañados, non imos agardar un ano para desbloquear as axudas», afirma. O calendario electoral establece que en xullo deberán estar constituídas as corporacións que saian das eleccións locais. Os socialistas levarían a pleno ese mesmo mes, en caso necesario, os orzamentos que se debaterán o vindeiro luns.

A partida para as patronais mantense e aumentan as axudas ao deporte

A proposta de orzamentos para o 2019 que deu a coñecer onte o equipo de goberno reserva 188.000 euros para as festas patronais, a mesma cantidade dos últimos tres anos. Tamén se mantén a partida de 17.500 euros destinada ás axudas para a celebración de festexos de barrios e parroquias.

Na área de deportes, a previsión é gastar 50.000 euros máis que este ano. Ese incremento permitiría sufragar a realización de melloras na cuberta da piscina (10.000 euros) e os gastos da representación monfortina nos xogos do Eixo Atlántico (25.000 euros).

O aumento do gasto na área deportiva tamén inclúe, doutra banda, a subida do 25% anual das axudas acordada a comezos do mandato con asociacións e clubs.

Tomei pide aos grupos da oposición un «exercicio de responsabilidade» para sacar adiante os orzamentos. «Nós cumprimos o noso compromiso e, chegado o caso, serán eles os que teñan que explicar por que se opoñen», sostén.