Entre Monforte e Escairón segue habendo bus os sábados, pero previa demanda

La Voz MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

ALBERTO LÓPEZ

17 novs 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

A liña de autobús que comunica Monforte e Escairón os sábados non está suprimida, como denunciou esta semana o BNG do Saviñao, pero só funciona cando hai usuarios que a piden. Así contestou onte a Consellería de Infraestruturas ás críticas efectuadas por esta formación política, que sostén que o municipio do Saviñao perdeu coa recente reorganización do transporte por estrada.

Fontes da Consellería de Infraestruturas apuntan que en realidade o autobús dos sábados entre Escairón e Monforte segue dispoñible. Xa non fai esa ruta de forma sistemática, pero se hai demanda si que sae. Para que faga o percorrido, os clientes que estean interesados teñen que chamar por teléfono previamente á empresa que a xestiona para comunicarlle a súa intención de utilizalo. Na consellería aseguran que neses casos, e sexa cal for o número de prazas demandadas, o autobús está dispoñible.

Os portavoces da Consellería de Infraestruturas explican que se este autobús pasou a circular só se hai demanda previa é porque a súa utilización é moi baixa. Na consellería indican que a empresa operadora desta liña non tiña demanda suficiente como para mantela incondicionalmente e de forma sistemática, como ocorría antes.

Unha saída matinal máis

Os responsables desta consellería aseguran ademais que a reorganización do servizo non só non prexudicou á liña entre O Saviñao e Monforte, senón que a reforzou. «Agora -explican- hai unha expedición máis de luns a venres que sae ás dez dá mañá de Escairón».