O centro urbano chantadino queda sen o seu último hórreo

f. a. CHANTADA / LA VOZ

LEMOS

ROI FERNÁNDEZ

Nun pleno celebrado o pasado luns, Por Chantada pediu medidas de protección para esta construción tradicional

17 novs 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Nun pleno celebrado pola corporación chantadina o pasado luns, o portavoz de Por Chantada, Antón Fente, presentou unha pregunta sobre a conservación dun hórreo e unha palleira situados na confluencia das rúas Carlos Gilberto Otero e Xoán XXIII. O edil resaltou o valor patrimonial destas edificacións -a últimas deste tipo na área urbana- e sinalou que no hórreo estaba cravado un letreiro que anunciaba a construción dun edificio de vivendas nesa parcela. O goberno municipal, segundo explicou Fente, dixo que non lle constaba que se presentou unha solicitude de licenza para esa obra.

Pero o hórreo polo que se interesou Por Chantada a principios da semana xa non estaba onte en pé. A construción foi desmontada e o terreo sobre o que se achaba foi rebaixado ata o nivel da rúa, da que estaba separada por un valado de pedra que tamén desapareceu. O letreiro que antes estaba cravado nas táboas do hórreo está agora colgado dun valo metálico que pecha a parcela.

Antes de que isto se soubese, Antón Fente manifestou a súa intención de tomar iniciativas para impedir a demolición do hórreo e a palleira. «O goberno local xa deixou claro que non contempla facer nada mentres non comezasen as obras, pero nós entendemos que hai que facer algo para salvar estes elementos patrimoniais», apuntou o edil a este respecto. «Pódense recoller sinaturas entre os os veciños ou recorrer á Valedora do Pobo», engadiu.

Medidas de protección

Os integrantes de Por Chantada, doutra banda, consideran que estas dúas construcións deberían ter sido incluídas no plan especial de protección do centro histórico e no plan xeral de ordenación municipal -ambos en fase de tramitación-, a fin de dotalas dunha protección legal que garantise a súa conservación. «Pero non se mencionaron nin nun plan nin no outro, a pesar de que eses elementos se encontran en pleno casco urbano e nun lugar perfectamente visible, de maneira que non podían pasar desapercibidas para os técnicos que se encargaron de redactalos», apuntou Fente.

O portavoz de Por Chantada indicou doutra banda que a súa formación presentou no seu momento varias alegacións ao PXOM nas que se solicitaban medidas de protección e conservación para diversas construcións tradicionais situadas no territorio municipal, como hórreos e muíños. «Pero esas alegacións non se tiveron en conta e a única construción tradicional que foi recoñecida no plan de ordenación é o muíño da Alameda», comentou.

Así mesmo, Fente avogou por recorrer á «presión popular» para «frear as agresións ao patrimonio, como sucedeu co aparcadoiro que se proxectaba construir no casco histórico». No caso do último hórreo do centro urbano, as iniciativas que se puidesen tomar para a súa conservación xa non terán efecto.