A que veu a conselleira a Monforte?

Maribel Garcia

LEMOS

16 novs 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Este luns visitou Monforte a conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez Mourelle. Este grupo municipal foi convidado a esta visita, e lamentamos non ter podido acudir por motivos laborais.

En calquera caso, non estamos acostumados a que a Xunta nos faga partícipe das súas visitas, pero agardamos que de aquí en diante o sigan a facer e non se tratara este dun protocolo preelectoral.

Manifestado o noso agradecemento e as nosas desculpas pola ausencia, consideramos preciso pasar ao realmente importante: en primeiro lugar, preguntámonos a que se debeu esta visita.

Segundo as palabras da propia conselleira, veu asinar un convenio co Museo do Ferrocarril (por valor de 30.000 euros) e a ver in situ as dúas rotondas que construíu a Xunta na circunvalación por riba do Hospital Comarcal.

Pode resultar ata traxicómico, pois a nosa vila foi coñecida historicamente polo seu ferrocarril, e agora recibe investimentos da Xunta unicamente para o Museo. Será iso o que somos para a Xunta? Historia?

A segunda pregunta que nos facemos ao fío desta recente visita institucional é se a Xunta de Galicia nos toma por parvos aos monfortinos, pois os orzamentos autonómicos están recentemente feitos, á nosa vila non lle adxudican máis ca migallas e veñen aquí supoñemos que a cubrir o expediente.

Consideramos moi lóxico que fose esta conselleira, Ethel Vázquez, á que lle encomendaran o marrón de pasar por Monforte, pois ben seguro que o tamén conselleiro Francisco Conde non quixo vir á súa vila con esas soltos.

Pedimos aos cidadáns de Monforte que abran os ollos, que esperten, e que loiten por esta vila, ou no caso contrario acabaremos caendo como as casas que foron lamentablemente noticia esta semana, e cada vez o son con máis frecuencia.