O nome dunha aldea de Taboada chega aos confíns do sistema solar

Francisco Albo
francisco albo CHANTADA / LA VOZ

LEMOS

ROI FERNÁNDEZ

O topónimo Xestoso está gravado nun disco que transporta a sonda espacial «New Horizons», lanzada no 2006

16 novs 2018 . Actualizado ás 12:47 h.

O próximo 1 de xaneiro é o día no que se espera que a sonda espacial New Horizons sobrevoe o obxecto astronómico Ultima Thule, situado no chamado cinto de Kuiper, nos confíns do sistema solar, a 6.500 millóns de quilómetros da Terra. A nave transporta un disco compacto no que están gravados 434.738 nomes propios recollidos pola Nasa. Entre eles figura un de clara resonancia galega: Breogán Xestoso. Non se trata do nome dunha persoa que se chame realmente así, senón que foi creado polo arqueólogo chantadino Laureano Fernández Carballo «como unha pequena homenaxe á aldea onde naceu miña nai e onde pasei a infancia». Xestoso é unha localidade da parroquia de San Martiño do Mato, no municipio de Taboada.

Como afeccionado á astronomía, Fernández está subscrito a un boletín de noticias da Nasa e a través dese medio soubo no seu día que a axencia espacial estadounidense estaba a recoller nomes para gravar nun disco que viaxaría na New Horizons, lanzada ao espazo o 19 de xaneiro do 2006. «Presentei esa proposta e un tempo despois, para a miña sorpresa, recibín un certificado da Nasa que indicaba que o nome fora aceptado», explica. O certificado foi rexistrado o 21 de xuño do 2005 co número 70.391.

O nome de Breogán Xestoso pode localizarse nunha páxina web da Nasa sobre a misión New Horizons, xunto cos de todos os demais asinantes. Entre eles hai coñecidas personalidades, como o xa falecido astronauta Neil Armstrong e o empresario Elon Musk. «Pero a maioría das sinaturas son de científicos e técnicos da Nasa e doutras institucións de diversos países que colaboran con ela, e tamén dos seus familiares», precisa Fernández.

Fernández sinala por outro lado que escolleu o nome de Breogán como unha homenaxe a Galicia e á arqueoloxía. «Pareceume tamén moi axeitado porque, segundo a lenda, Breogán avistou desde a torre de Hércules a costa de Irlanda, a onde viaxou despois o seu fillo Ith, polo que é un nome relacionado coas descobertas e as viaxes», engade.

Unha iniciativa de carácter persoal que pretende axudar a divulgar a astronomía

Laureano Fernández conseguiu no 2005 que Taboada aparecese na revista Historia National Geographic, onde publicou un traballo sobre o chamado guerreiro de Ralle, unha valiosa escultura castrexa que se conserva na localidade deste nome. A idea de asociar dalgunha forma a toponimia local á misión New Horizons -explica- xurdiu por unha simple motivación persoal. «Fíxeno sobre todo por min, pola miña familia e os meus amigos, e en memoria de miña nai», di.

Nos últimos doce anos, o arqueólogo seguiu con grande interese as informacións sobre a viaxe da sonda espacial. «Foi moi emocionante pensar que o nome de Xestoso estaba viaxando nesa nave cando pasou por Xúpiter e Plutón -sinala-, e tamén agora, cando vai ser a primeira sonda da historia que se acerque aos obxectos do cinto de Kuiper».

 

Divulgación científica

Se ben ata agora non divulgou esta iniciativa, Laureano Fernández cre que a experiencia pode ser aproveitada para a popularización da astronomía, «sobre todo nos centros educativos da comarca de Chantada». Ao seu xuízo, «aos rapaces pode interesarlles saber que o nome dunha pequena aldea da comarca viaxa a bordo dunha nave espacial». E a iniciativa, agrega, «tamén demostra que desde os lugares pequenos podemos participar dalgún xeito en proxectos tan asombrosos como o da New Horizons»