A SD Chantada gañou o primeiro derbi feminino ante o Carballedo

La Voz MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

ROI FERNÁNDEZ

14 novs 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

O campo do Sangoñedo converteuse o domingo no escenario do fútbol comarcal feminino. Máis de douscentos afeccionados déronse cita nas bancadas para seguir o derbi entre a SD Chantada e o Carballedo. O encontro finalizou coa vitoria das locais por 3-0. Os tantos os marcaron Natalia, Noela e Marina .

O choque quedou sentenciado nunha primeira parte na que foron superiores as chantadinas. O feito de xogar no seu campo foi clave para sumar tres puntos máis. Ás futbolistas do Carballedo pasoulles factura o ambiente. «Saíron un pouco nerviosas, porque hai que ter en conta que a maioría das nosas futbolistas son rapaciñas moi novas», comenta o presidente do Carballedo, Adrián Rodríguez.

Na segunda metade, o derbi equilibrouse un pouco máis. As locais relaxáronse, circunstancia que aproveitaron as visitantes para adiantar liñas e incomodar á gardameta da SD Chantada, Ángela González. No entanto, o marcador non se moveu, polo que valeu o 3-0 da primeira entrega.

A clasificación da liga

Despois da oitava xornada da Segunda División feminina, a SD Chantada colócase na sétima praza da táboa clasificatoria, cun total de 11 puntos, mentres que o Carballedo segue na penúltima praza, con oito menos. Esta circunstancia non preocupa excesivamente á directiva. «O noso obxectivo é consolidar o equipo na liga. Viñemos para quedar e non para ser flor dun día. Estamos moi contentos coa implicación de todas as rapazas, porque a pesar de que levamos varias derrotas no campionato teño que dicir que estamos adestrando unha media de dezaseis futbolistas», engade.

O que si recoñece Adrián Rodríguez é que agora mesmo teñen como prioridade a contratación dunha porteira. «Necesitamos cubrir este posto, no que agora ten que xogar Maite Arias, que é unha dianteira», conclúe.

A próxima xornada, o Chantada visita ao Torre SD e o Carballedo recibe ao Crendes.