Medio Rural aproba os cambios na normativa da denominación Ribeira Sacra

La Voz MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

Permite producir rosados e inclúe a denominación de viños de garda e barrica

04 novs 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

O Diario Oficial de Galicia publicou onte unha orde da Consellería do Medio Rural pola que se fai efectiva a modificación do chamado prego de condicións da denominación de orixe Ribeira Sacra. Os cambios propostos para esta normativa foron presentados publicamente o pasado xullo -explican desde o mencionado departamento da Xunta- e desde entón non se presentou ningunha notificación en contra.

Entre as principais novidades introducidas no prego de condicións, a consellería resalta «as novas denominacións de viños de garda e barrica, así como a posibilidade de producir rosados amparados por esta denominación de orixe». A nova normativa -agregan- regula ademais os depósitos e os tempos mínimos autorizándoa para a crianza dos viños, contemplando materiais como a madeira e o formigón. Segundo o consello regulador -din así mesmo desde a consellería-, «estes novos viños e elaboracións poden ampliar os horizontes comerciais para os viños da Ribeira Sacra».

Os cambios recentemente aprobados, sinalan tamén os responsables de Medio Rural, teñen o obxectivo de actualizar as normas do consello regulador «para adaptalas aos gustos do consumidor, ás novas tecnoloxías enolóxicas existentes e ao dinamismo do territorio e dos produtores».