As estradas recuperan a normalidade tras a primeira nevada do ano

l. d MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

SANDRA ALONSO

As máquinas da Deputación actuaron pola presenza de placas de xeo en viarios do Courel, O Incio e Quiroga

29 oct 2018 . Actualizado ás 17:42 h.

A meteoroloxía deu un respiro nas zonas altas do sur lucense, onde a neve colleu a máis dun desprevido o pasado domingo. As nevadas a finais de outubro non son moi frecuentes, pero este ano foi a excepción. Tras un mes de máximas case estivais, a invernía irrompeu con todo o seu rigor a última fin de semana. Non só nas cimas do Courel, senón tamén en zonas menos altas do Incio e A Pobra do Brollón onde os prognósticos descartaban que puidese nevar. O vento e a nevada propiciaron a caída de ramas de gran tamaño á calzada durante a madrugada do sábado ao domingo en estradas de montaña.

Os principais problemas para o tráfico xurdiron en Folgoso do Courel, onde as capas de xeo obrigaron esta mañá a actuar ás máquinas da Deputación nas estradas de Teixeira, Cruz de Outeiro e Visuña. Tamén se fixo necesaria a súa presenza en Vilarbacú, en Quiroga, e entre Foilebar e Aira Padrón e Megoxe e A Ferraría do Incio, dentro dese último municipio.