«O meu principal obxectivo e o reto que persigo é seguir facendo canteira»

LEMOS

CARLOS CORTES

A nova presidenta, natural de Taboada, chega ao cargo con ilusión e con ideas renovadas

18 oct 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

O Ribeira Sacra ten nova presidenta. Trátase de Yolanda Maciñeiras, natural de Taboada, e residente en Monforte desde hai 16 anos. Asume esta responsabilidade con ilusión e co reto de continuar facendo canteira para nutrir aos equipos superiores. Entre os seus obxectivos, está volver establecer contactos cos centros educativos para promocionar o volei e que os conxuntos da entidade manteñan o seu nivel.

-Cal é a súa relación co voleibol?

-A relación chegou a través da miña filla, que comezou fai tres anos nas escolas do Ribeira Sacra e despois deu o salto á competición como alevín. O voleibol sempre me gustou, e de feito de pequena eu xogaba no colexio de Taboada.

-Como xurdiu a posibilidade de converterse en presidenta?

-A xunta directiva propúxomo, e despois de analizalo ben, aceptei. A verdade é que me convenceron coa proposta que me trasladaron.

-Con que ideas chega?

-A principal idea que teño na cabeza é continuar traballando na mesma liña que o viña facendo a anterior xunta directiva. Ata hai poucos anos, o Ribeira Sacra viña centrándose en equipos de categorías máis altas, pero despois trataron de potenciar máis a base. Esa é precisamente a miña aposta, facer canteira para así nutrir os conxuntos superiores. O importante é que as nenas xoguen e divírtanse. Aproveito para dicir que as portas do Ribeira Sacra están abertas para todas as que queiran vir probar, adestrar ou a xogar ao voleibol.

-Habería posibilidades de recuperar un equipo sénior?

-Isto é algo que agora mesmo non contemplamos. Isto non quere dicir que a próxima tempada ou máis adiante o fagamos, pero a curto prazo podo dicir que non crearemos ningún equipo sénior. Hai que ter en conta ademais que nos penaliza moito o feito de que Monforte non sexa cidade universitaria.

-Cantas deportistas teñen?

-Estamos ao redor das cen. Contamos con oito equipos e con dous conxuntos das escolas de Quiroga, que son filiais. A idea é seguir crecendo, e de cara ao futuro gustaríame volver adestrar nos colexios de Monforte. Queremos recuperar esa relación que houbo fai anos, aínda que isto é a medio prazo.

-Cales son os obxectivos do club?

-Competir nas fases finais galegas e nas nacionais cos equipos de Primeira División. Esta campaña temos depositadas moitas esperanzas no cadete, e que os de segunda categoría se fogueen para que as súas xogadoras dean o salto aos de primeira.

-Vería con bos ollos unha fusión co Korbis?

-Desta cuestión non podo falar, porque eu son nova no club. Non teño datos para dicir por que non se fixo ou se se intentou facer. O que quero é que os dous clubs nos levemos ben, sobre todo polas nenas. É verdade que na pista cando xogan son rivais, pero despois pola rúa son amigas, e iso é o que debe prevalecer.

-Que levou á directiva a cambiar de director deportivo?

-Agora é Manolo Martínez, que substitúe a Verónica Contreras. Os dous falaron deste tema, porque ela prefería que Manolo asumise esta responsabilidade. Estamos contentos, porque é unha institución no volei.