O milagre chantadino de Fátima

Luis Díaz
LUIS DÍAZ MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

ROI FERNÁNDEZ

A historia do templo rivaliza coa do seu fundador, próximo a Franco, monárquico e ligado á CIA

08 oct 2018 . Actualizado ás 07:53 h.

 O santuario chantadino de Fátima volve figurar no mapa. Nunca deixou de estalo desde a súa construción, que se deu por concluída no ano 1957. Pero da súa existencia apenas sabían ultimamente os veciños dese municipio. Non sempre foi así. O traslado da imaxe da virxe, tallada na Real Academia de Belas Artes de San Fernando, foi no seu día portada na prensa madrileña. Os pasquíns que apareceron este verán, reivindicando que acubille a tumba de Franco, rescataron do esquecemento a curiosa historia deste templo. Tan peculiar como a do seu artífice, o sacerdote chantadino Emilio Eyré (1904-2002), personaxe poliédrico apreciado pola familia Franco, amigo de Juan de Borbón e, segundo desvela agora unha historiadora ferrolá, colaborador da CIA.

Sobre as ruínas dun castro situado no lugar de Centulle, a menos de dous quilómetros de Chantada, levántase o soño inacabado do pai Eyré. O santuario de Fátima, cuxa aparencia externa lembra a unha fortaleza medieval, comezou a construírse en 1944. As obras detivéronse trece anos despois, ao parecer por falta de recursos. Simultaneamente, levantouse nas súas inmediacións un edificio chamado a ser centro nacional de inválidos civís. Só esta última construción e o seu posterior equipamento custaron case cen millóns de pesetas da época.

Pero non correría mellor sorte que o templo lindeiro. Finalizado o proceso de transferencias ás autonomías, o goberno galego non quixo saber nada do edificio, con capacidade para catrocentos internos. Houbo algunha xestión posterior para que acollese o asilo de Chantada, pero nese momento a obra nova primaba nas decisións dos políticos. Radiadores, caldeiras, baños, portas e demais mobiliario foron saqueados antes de que o pai Eyré decidise cedelo á Cidade dos Raparigos ourensá. O centro de minusválidos, en estado de ruína, é hoxe un vertedoiro.

Estudio de rodaxe

O santuario chantadino de Fátima, único autorizado en España para ese culto na ditadura, acolleu en vida de Emilio Eyré misas anuais co gallo desa festividade e algúns oficios esporádicos. En setembro de 1950, a prensa madrileña fíxose eco da celebración en Centulle dunha misa de funeral polo conde de Romanones, presidente do consello de ministros con Afonso XIII e benefactor do templo como director da Academia de Belas Artes de San Fernando. Máis recentemente, serviu de estudio de rodaxe para a serie histórica de Voz Audiovisual O final do Camiño.

A estética do templo de Centulle é en parte de inspiración irlandesa. «Dicía que collera ideas do prerrománico asturiano, do románico e tamén dos templos-fortaleza de Irlanda, que puido coñecer persoalmente cando estivera de viaxe nese país», relata o exconcelleiro de Chantada Luis Eyré, sobriño neto de Emilio Eyré. O sacerdote chantadino foi atraído polo culto de Fátima durante a súa estancia en Lisboa, como profesor do Instituto Español. Antes de ser destinado a Portugal viaxara en 1931 a Arxentina. A cargo de a parroquia bonaerense de San José de Villa Dominico, captou donativos para a España de posguerra que segundo os seus biógrafos foron canalizados a través de propia Carmen Polo de Franco.

Moito despois, en xullo de 1951, sería recibido en audiencia polo ditador no Palacio do Pardo, segundo a prensa da época como membro do Padroado da Casa de Saúde Valdecilla. A proximidade de Emilio Eyré á familia Franco abriríalle moitas portas para o faraónico proxecto de Centulle. Aínda así, o sacerdote definíase como monárquico e visitaba con frecuenta a Juan de Borbón na súa residencia de Estoril. «Para nada foi franquista. Incluso tivo problemas co Bispado na ditadura», apunta outro sobriño neto do sacerdote chantadino, o xornalista e escritor Afonso Eyré.

Apostolado radiofónico

A historiadora ferrolá Rosa Cal cita a Afonso Eyré no libro Radio Liberty: A CIA na praia de Pals, unha investigación sobre a emisora de propaganda anticomunista que emitiu desde Xirona para o bloque soviético durante a guerra fría. Autorizada por Franco en 1957, a radio estadounidense tivo como capelán ao chantadino Emilio Eyré, que entón compaxinaba en Barcelona o sacerdocio e a captación de fondos para rematar o santuario de Centulle. A súa biografía di que exerceu o apostolado a través da radio en Arxentina e Barcelona. Para Rosa Cal, este personaxe novelesco traballou sin duda para a CIA.