O godello estrea vendima nocturna en Margaride

Luis Díaz
LUIS DÍAZ MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

A adega Don Cosme recolleu a uva á luz dos focos para o viño que elaborará xunto con Leira Cuarta

07 oct 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Margaride foi escenario da primeira vendima nocturna en Ribeira Sacra. Sobre dous miles quilos da variedade godello entraron na madrugada do venres ao sábado na adega Don Cosme, situada nesa parroquia do municipio de Quiroga. A produción da viña da Leira Robledo, colleitada este ano á luz dos focos, será destinada a un branco que se elaborará de forma conxunta con outra adega da denominación de orixe, Leira Cuarta.

Pablo González (Don Cosme) e Rubén Moure (Leira Cuarta) coñecéronse de forma casual, pero desde entón fan boas faragullas. «Coincidimos dende o primeiro momento, aos dous gústanos innovar e axudar aos amigos», di Pablo. A vendima nocturna de Margaride foi en moitos aspectos vangardista. Mesmo se elixiu unha iluminación específica para a viña, que permaneceu acendida as noites previas para estimular a actividade das vides.

Pero en Don Cosme tamén so defensores sen concesións da tradición. «Nós enxertamos a viña coas cepas de godello que había aquí de toda a vida. O viticultor ten que espremer a singularidades da súa zona. E ser moi profesional. Máis aínda que o adegueiro, porque sen boa uva non hai bo viño», explican Pablo.

O godello da vendima nocturna pronto fermentará na adega, de tipoloxía tradicional pero dotada de modernas medios de elaboración. Pablo teno moi claro: «Artesanía e vangarda, aí está o futuro».