Primeira vendima nocturna nunha viña de Ribeira Sacra

Luis Díaz
LUIS DÍAZ MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

PABLO GONZÁLEZ

As luces estiveron acendidas de madrugada nas xornadas previas para estimular a actividade das cepas

06 oct 2018 . Actualizado ás 09:32 h.

Todo estaba listo a última hora da tarde de onte para a primeira vendima nocturna en Ribeira Sacra. Se o plan foi segundo o previsto, a pasada noite entraron na adega Don Cosme -pertencente á subzona de Quiroga- as uvas dunha viña de godello colleitadas á luz dos focos reflectores. A experiencia, sen precedentes nesta denominación de orixe, leva a cabo en colaboración con Leira Cuarta, o proxecto de Rubén Moure en Pantón que se ampliou a pasada colleita a Amandi.

O viñedo elixido para a vendima nocturna está situado en Margaride e pertence á adega Don Cosme. Nos tres días previos á recolección da uva, os focos que iluminan a parcela estiveron acendidos sen interrupción durante a noite.

«Buscamos que as cepas non paren de facer a fotosíntese», explica Sandra Macía, viticultora e encargada desta adega de Quiroga. Coa iluminación nocturna querían que o zume fluíse ata as puntas superiores das vides. Ese movemento, apunta Rubén Moure, permite á planta «extraer da terra os mellores minerais para ser achegados á uva de forma natural».

Á parte do que poida recibir a cepa grazas a esa achega lumínico, a vendima nocturna permite que a uva pase ao túnel de refrixeración a unha temperatura baixa de seu. Algo que valoran especialmente os enólogos á hora de espremer o potencial aromático das variedades brancas. «O primeiro beneficio é o control de temperatura, xa que coa calor hai máis risco de que poidan xurdir defectos no viño», sinala Rubén Moure.

Parte da vendima destinarase a un branco de godello en cuxa elaboración serán empregadas ánforas de barro e que madurará nunha das adegas e Margaride que aproveitan antigas minas romanas.