«Ourense non ten a capacidade de xestión de mercancías de Monforte»

Carlos Cortés
carlos cortés MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

CEDIDA

A plataforma polo tren advirte do custo económico que tería construír nesa cidade unha infraestrutura como a que hai ao redor da estación monfortina

01 oct 2018 . Actualizado ás 20:45 h.

A recentemente creada plataforma monfortina en defensa do ferrocarril advirte que habilitar en Ourense unha infraestrutura de transporte de mercancías por tren obrigaría a investimentos económicos moi importantes e suporía un problema técnico para o proxecto da Ave. Este colectivo, que se presentou en sociedade hai menos de dúas semanas en Monforte co respaldo de sete sindicatos ferroviarios e diferentes entidades sociais e políticas, advirte que neste momento: «Ourense non ten a mesma capacidade de xestión de trens de mercancías que Monforte».

A plataforma en defensa do ferrocarril sae así ao paso da polémica desatada polo posicionamento público da Confederación de Empresarios de Ourense (CEO) a favor desa cidade como punto central da entrada e saída de mercancías por tren en Galicia. Os colectivos que integran a plataforma lembran que este luns empezan as obras para adaptar a estación ourensá para a chegada da alta velocidade. E recalcan que «crear agora un nó de mercancías ferroviario en Ourense significaría modificar os plans proxectados, co investimento que iso implica.

Inquietude positiva en Ourense

En calquera caso, a plataforma monfortina asegura valorar positivamente «a inquietude da cidadanía ourensá polo tráfico de mercancías», porque ao seu xuízo coincide coa súa demanda de que «no tráfico de mercancías terrestre debe primar o ferroviario por amais da estrada». Iso si, sosteñen que o noo de mercancías de Galicia ten que estar en Monforte, «porque xa está construído, está a funcionar de forma plenamente operativa». O único que lle falta, admiten os responsables deste colectivo, é a actividade e o persoal que eles mesmos reivindican no manifesto fundacional que fixeron público hai dúas semanas.