Samos e O Incio acollerán unha xornada de homenaxe ao trobador medieval Martín de Pedrozelos

La Voz MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

CARLOS RUEDA

27 sep 2018 . Actualizado ás 12:42 h.

Samos e O Incio serán escenario este sábado dun encontro cultural sobre Martín de Pedrozelos, un trobador do século XIII que algúns especialistas consideran nativo do primeiro destes municipios e estreitamente relacionado co segundo. «É unha figura moi importante da lírica medieval galegoportuguesa, pero é moi descoñecido nestas terras», explica o escritor e profesor universitario samonense Luís Celeiro, un dos promotores desta xornada. «O que pretendemos con esta iniciativa e popularizalo e axudar a que se convirta nun elemento máis do patrimonio cultural destes municipios», añade.

Celeiro apunta que, en opinión de diversos investigadores, Martín de Pedrozelos puido ser oriundo da aldea chamada hoxe Praducelo, na parroquia de San Xoán de Lóuzara, en Samos. «En Praducelo consérvase hoxe unha antiga casa chamada precisamente Casa de Martín, que ten algunha parte que podería ser de orixe medieval», sinala. Por outro lado, o trobador mencionou varias veces nas súas cantigas un lugar chamado San Salvador e outro chamado Valongo. O primeiro topónimo -engade Celeiro- podería corresponder á parroquia de San Salvador do Mao -no Incio- e o segundo, a un monte e un río dese nome que se encontran no camiño entre ambos municipios.

Os actos comenzarán ás 10.45 horas en Samos cunha sesión de charlas nas que participarán o escritor Xulio Pardo de Neyra, autor do libro Martín de Pedrozelos, ou primeiro trobador dá lírica galegoportuguesa?, e a filóloga Dulce Fernández Graña, que ten realizado estudos académicos sobre o trobador. O programa comprenderá ademais visitas ás igrexas de Santa María e San Salvador do Mao -no Incio-, á aldea de Praducelos e a Santalla de Lóuzara, localidade natal do poeta Fiz Vergara Vilariño. Na xornada participarán representantes dos concellos de Samos e O Incio e de diversas institucións.