Patrocinado por Patrocinadopor

«Na Ribeira Sacra era moi típico ver as colmeas en medio dos viñedos»

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

AGRICULTURA

XOAN CARLOS GIL

O escritor Xosé Lois Ripalda acaba de publicar un ensaio divulgativo sobre a cultura tradicional do mel en Galicia

26 sep 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

O escritor Xosé Lois Ripalda, natural do municipio de Carballedo, publicou recentemente o libro A cultura do mel, un ensaio divulgativo sobre a cultura apícola galega no que ocupa un amplo espazo a tradición lucense. A obra, publicada pola editorial Ir Indo, dá continuidade a outros traballos que Ripalda dedicou anteriormente ás culturas tradicionais do pan, do viño e da auga. O escritor lamenta que a aparición do libro coincida cunha colleita que non presenta boas perspectivas. «É unha pena, pero polas noticias que teño parece que este ano a produción vai ser moi escasa», comenta.

-Que importancia tivo a provincia de Lugo na tradición apícola galega?

-Unha importancia moi grande. Algúns estudos din que os indicios máis antigos de actividade apícola en Galicia están na Serra dos Ancares. Parece que a apicultura se estendeu coa romanización e que antes só se recolectaba o mel silvestre. As serras do Courel e dos Ancares estiveron sempre entre as principais áreas produtoras de Galicia. Nas terras da Ribeira Sacra tamén hai moitísima tradición apícola, que estaba moi relacionada coa viticultura.

-Ata que punto?

-Os lugares máis propicios para cultivar as vides son tamén moi apropiados para criar as abellas polas súas condicións orográficas e climáticas. En tempos era moi típico ver as colmeas de tipo tradicional instaladas en medio dos viñedos. Iso sucedía cando eu era neno na ribeiras de Nogueira de Miño, en Chantada, e tamén en moitos outros lugares, pero na actualidade xa non é algo tan común.

-No seu libro fala do Benigno Ledo, o antigo párroco de Argozón que foi coñecido como o cura das abellas?

-Claro que si, porque foi unha figura importantísima no mundo apícola galego. O seu libro Curso práctico de apicultura aínda segue a ser un referente hoxe en día. Non é un caso excepcional, porque neses tempos había moitos curas apicultores. Na miña infancia coñecín a un que se chamaba don Cándido. Colocoulle un cristal a unha colmea de cortiza para observar a actividade diaria das abellas e falaba desas cousas aos fregueses nas misas.

-Que aspectos culturais da apicultura aborda no seu libro?

-Unha parte da obra está dedicada a tradición oral e recolle contos e refráns relacionados co mundo das abellas e do mel. Falo tamén da arquitectura tradicional vinculada á apicultura, na que destacan as alvarizas que se construían para protexer as colmeas dos osos e das que quedan moitos exemplares na Serra do Courel e noutros lugares. Outra parte do libro céntrase no aspecto gastronómico e recolle unha serie de receitas para cociñar con mel. Non é un traballo para especialistas, senón unha obra de divulgación escrita cun estilo sinxelo para que resulta accesible incluso aos rapaces.

-Como ve a situación actual da apicultura en Galicia?

-O que agora me preocupa moitísimo é o estrago que poden facer as velutinas. Confío en que encontren canto antes algunha solución, porque penso que pode chegar a ser unha praga tan daniña como o foron no seu momento a filoxera dos viñedos ou o escarabello da pataca. Galicia produce un mel de características únicas e tamén moi variado, porque aquí hai moitos tipos diferentes de vexetación, de climas e de solos. Espero que o meu libro axude a concienciar sobre a importancia que ten a nosa apicultura e sobre a necesidade de conservala e protexela.