Os monfortinos declaran a Facenda uns ingresos de 19.901 euros ao ano

Carlos Cortés
carlos cortés MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

ROI FERNANDEZ

As estatísticas oficiais sitúan a Monforte no posto noveno dos municipios lucenses con máis renda

23 sep 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Os cotizantes monfortinos declara a Facenda uns ingresos brutos anuais de 19.901 euros. Esta media estatística sitúa este municipio na parte alta da clasificación provincial en función da renda dos seus veciños. Tamén están da metade da táboa para arriba Chantada e Quiroga, as outras dúas cabeceiras de comarca desta zona. O resto sitúanse por baixo da renda media provincial.

As cifras figuran nas estatísticas que acaba de difundir a Axencia Tributaria desagregadas para todos os municipios de máis de 1.000 habitantes, que utilizan como base os datos da declaración da renda do 2015. No caso da provincia de Lugo, Monforte é o noveno municipio con maior renda media e no conxunto de Galicia ocupa o posto 63. Os primeiros postos cópanos municipios da Mariña, con Cervo e os seus 24.214 euros de renda bruta á cabeza.

Fóra das comarcas costeiras, só se coan no alto da táboa Lugo capial, cunha renda media por cotizante de 23.582 euros, a segunda máis alta; e o municipio de Outeiro de Rei, que é o oitavo con 20.269.

De acordo coas estatísticas oficiais, a declaración da renda do 2015 saíulle a devolver aos cotizantes monfortinos, tomados no seu conxunto. A suma do que pagan os que tiveron que facelo ascende a 2.458.310 euros, mentres que as declaracións a devolver sumaron 6.343.350.

O saldo positivo a favor dos contribuíntes deste municipio suma 3.885.040 euros. No caso das declaracións negativas, as que saen a devolver, os contribuíntes de Monforte reciben unha media de 587 euros do Estado. Pola contra, aqueles a os que lles sae positiva, teñen que pagar unha media de 1.203 euros.

En Chantada, o segundo municipio en poboación da zona sur da provincia, o saldo bruto medio por cada declaración do IRPF é de 16.998 euros, unha cifra que o sitúa no posto dezaoito. A devolución media por cada declaración da renda neste municipio é de 58. Páganos teñen que abonar unha media de 1.805.

Peor na Montaña

A maior parte do resto dos municipios desta zona móvense preto da metade da táboa, pero por abaixo. Destes, só Quiroga e Bóveda quedan por amais da media, con 16.950 e 16.495 euros de renda media, respectivamente. Na cola do ránking provincial están os municipios situados nas montañas orientais da provincia. Folgoso do Courel, con 13.337 euros de renda bruta por contribuínte, é o que pecha a táboa no sur da provincia. Por baixo están aínda seis máis: Navia de Suarna, As Nogais, Samos, Baleira, Paradela e Cervantes.