A plataforma polo ferrocarril choca coa disciplina de partido

Luis Díaz
LUIS DÍAZ MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

PROPIAS

PSOE e PP apoian as súas reivindicacións, pero prefiren non asinar o manifesto

22 sep 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

A Plataforma en Defensa do Ferrocarril Público da comarca de Lemos teno claro. Sen apoio político non se abrirán as portas das institucións en cuxa man está o futuro do tren en Monforte. PSOE e PP teñen, respectivamente, a chave dos gobernos central e autonómico. En clave local, ambos os partidos apoian as reivindicacións que deu a coñecer a plataforma na súa recente presentación na sociedade A Fraternal. Pero ningún accedeu a asinar o manifesto que recolle esas propostas. A razón nos dous casos é a mesma: ninguén quere encontróns coas estratexias do seu partido a nivel xeral.

As reticencias de PSOE e PP a subscribir o manifesto non parecen sorprender aos promotores da plataforma, entre os que figuran a totalidade dos sindicatos ferroviarios. «Valoramos moi positivamente a presenza dos representantes políticos na presentación da plataforma», sinalan con tacto fontes sindicais. Por parte do PP, estivo a portavoz e deputada autonómica PP Julia Rodríguez. José Luis Losada, concelleiro do equipo de goberno e secretario de organización do PSOE, foi o representante do seu partido.

O alcalde, José Tomei, escusou a súa presenza na Fraternal por coincidir a reunión da plataforma polo ferrocarril coa entrega de premios de Agader na Cidade da Cultura. Tomei acudiu ao acto celebrado en Santiago, pero fai súas as reivindicacións do manifesto presentado na Fraternal. «En liñas xerais coinciden co que levamos pedindo dende hai tempo», apunta.

Peticións coincidentes

A maioría das esixencias da plataforma polo ferrocarril coinciden con propostas que foron defendidas a nivel municipal ou no Parlamento autonómico por PSOE e PP. É o caso da supresión dos pasos a nivel do centro urbano, a potenciación de porto seco a través da conexión co corredor europeo de mercancías ferroviarias ou a modernización das liña Lugo-Ourense sobre a base das variantes de trazado que expón o Eixo Atlántico.

O respaldo político a estas e outras reivindicacións medirase cando a moción que prepara a plataforma sexa debatida nos plenos dos municipios do sur lucense. Aínda non estará lista para a sesión que celebrará este luns a corporación de Monforte. «Queremos que sexa un texto asumible por todos, isto non é unha cuestión política. Cantos máis sexamos, mellor», sinalan fontes deste colectivo.

A CEL súmase a un foro en Asturias pola conexión do noroeste co corredor europeo

O Palacio de Congresos de Xixón acolleu esta semana un foro promovido por organizacións empresariais de Asturias, Galicias e Castela e León para reclamar un corredor noroeste que conecte coa rede europea de transporte de mercancías ferroviarias. Entre os impulsores da iniciativa atópase a Confederación de Empresarios de Lugo (CEL). O secretario xeral de Infraestruturas, José Javier Izquierdo , asegurou neste foro que o Goberno defenderá ante a UE esta conexión «ao mesmo nivel que o corredor mediterráneo».

A primeira proposta que incorporou Bruxelas á rede europea de mercancías ferroviarias inclúe un corredor atlántico que desde Palencia conecta con Portugal a través de Salamanca. Con posterioridade, Fomento solicitou a incorporación dun novo trazado que entraría en Galicia a través da liña León-Monforte. Máis recentemente, o ministerio accedeu a pedir que se ampliase esa conexión co ramal Xixón-León-Venta de Baños.

Os trazados que formen parte da rede transeuropea optarán á repartición de fondos comunitarios destinados á cofinanciación das obras no período 2021-2027. De momento, o custo das propostas que chegaron a Bruxelas excede con moito o orzamento dispoñible.