Un San Mateo co pequeno Nicolás

Carlos Cortés
carlos cortés MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

ROI FERNÁNDEZ

O veinteañero madrileño que asegura ter sido espía deixouse ver onte na montaxe da carpa de Alcor

21 sep 2018 . Actualizado ás 07:54 h.

Non se sorprendan quen asistan hoxe á festa de San Mateo en Monforte se creen cruzarse co pequeno Nicolás. Poida que teñan bebido máis da conta, iso non sería raro porque nesta romaría corre xenerosamente o viño, pero non lles enganan os sentidos: probablemente trátese de Francisco Nicolás Gómez Iglesias , o madrileño de 34 anos que asegura ter sido espía, asesor da vicepresidencia do Goberno e, ao parecer, tamén representante máis ou menos oficial do rei de España. Onte estivo no campo da festa da parroquia da Parte na que se celebra esta romaría para axudar a montar a carpa da empresa de seguridade Alcor.

Non é a primeira vez que o pequeno Nicolás se deixa ver en público en Monforte. A finais de agosto comeu nun restaurante próximo á Compaña, acompañado, entre outras persoas, por Carlos Somoza, directivo de Alcor, unha empresa que ten as súas oficinas centrais en Monforte pero presta servizo en diferentes comunidades autónomas.

Se finalmente se deixa ver hoxe na romaría, seguro que se converte nun dos protagonistas dunha festa que, con el ou sen el, reunirá a miles de persoas chegadas sobre todo de Monforte, pero tamén doutros puntos da comarca,

Igual que o persoal de Alcor, decenas de persoas acudiron onte ao campo da festa da Parte a preparar a festa. A práctica totalidade do espazo dispoñible nese campo e nos máis próximos leva tempo acoutado por grupos de amigos que acudirán á festa e queren asegurarse de que disporán de sitio para comer e pasar a tarde.

O programa da celebración é o acostumado. As maiores aglomeracións agárdanse despois de únaa da tarde, tras unha mañá de misas na igrexa da parroquia. Ao mediodía os que teñan reservado sitio comerán nos espazos acoutados e os que non, buscarán sitio nos postos do polbo. A última hora da tarde empezará unha festa con orquestra, que seguirá en horario de verbena.

Grava miúda solta tras a mellora do firme no acceso ao centro da festa na Parte

Persoal da Deputación traballaba onte na mellora da estrada de acceso ao lugar da Parte desde a antiga LU-546. Tras as obras, nas que empregaron tamén unha apisoadora, quedou gran cantidade de grava solta na calzada, algo que quen se acheguen hoxe en coche á romaría terán que ter en conta para extremar a precaución.

Este ano, o Concello limpou de maleza a ruta pola que se pode chegar a pé ata A Parte desde Ribas Altas. O goberno local anima aos monfortinos a acudir ao San Mateo a pé, entre outras para reducir o risco de que se produzan embotellamentos nas horas punta da romaría.