Confirman o día 25 como data de inicio oficial da vendima na Ribeira Sacra

La Voz MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

ALBERTO LOPEZ

19 sep 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

O pleno do consello regulador da denominación de orixe Ribeira Sacra decidiu onte recomendar o día 25 deste mes como data oficial de inicio da vendima. esa era a data que viña barallando no sector, nun final de verán marcado polas diferenzas notables nos ritmos de maduración da uva nas diferentes subzonas da denominación de orixe. Portavoces do consello regulador anticiparon onte ademais que probablemente a vendima se prolongue ata mediados do mes de outubro.

Os controis de maduración da uva empezaron na Ribeira Sacra o día 27 de agosto. No consello lembran que «o 11 de setembro, o estado óptimo de madurez da uva nalgunhas parcelas da zona de Amandi fixo que Adega Algueira empezase cos labores de recollida da uva, principalmente da variedade godello».

O ano estivo marcado por unhas condiones climáticas complicadas, que favoreceron a proliferación de fungos en distintos momentos do ciclo da vide. A pesar diso, na denominación de orixe agardan que a colleita deste 2017 ano rolde os seis millóns de quilos, unha cifra alta, «e sexa dunha calidade excelente».

Ata agora, foron recollidos co control do consello regulador un total de 19.953 quilos de uva. Desa cantidade, 8.056 son de variedade mencía, 1.144 de merenzao, 6.261 de albariño, 360 de Doa Branca e 4.122 da godello. Nesta campaña elaborarán viño baixo o amparo da denominación de orixe un total de 95 adegas, das que oito están vendimiando nestes momentos.