A Ribeira Sacra desde un segway

i. lópez / f. albo

LEMOS

CARLOS CORTÉS

Unha nova forma de coñecer o territorio gaña popularidade este verán

29 ago 2018 . Actualizado ás 10:19 h.

Ata agora, a Ribeira Sacra podíase visitar a pé, en bicicleta, dacabalo, en coche, en moto, en bus, en quad, en varios tipos de embarcación e mesmo en globo. Este verán introduciuse unha nova forma de coñecer este singular territorio. Os visitantes poden apreciar as súas paisaxes sobre un vehículo eléctrico de dúas rodas, o chamado segway. Desde hai un mes é posible contratar este servizo -na parroquia de Doade, no municipio de Sober- en Enoturismo Galicia, unha empresa que ofrece a posibilidade de realizar rutas guiadas con este dispositivo que acelera e frea obedecendo os movementos corporais que realice o condutor.

Para poder circular con el non se necesita ningún tipo de experiencia previa. Calquera persoa que pese máis de corenta quilos e que sexa capaz de subir un chanzo pode facer calquera dos traxectos en segway. As rutas neste vehículo estable están sempre supervisadas por unha monitor, que facilita unha mínima formación para poder controlalo antes de emprender o paseo. Unha das vantaxes é que este vehículo de dúas rodas pode percorrer corenta quilómetros sen parar, algo que favorece os traxectos longos. O segway acada unha velocidade máxima de vinte quilómetros por hora, aínda que nestas rutas guiadas non se pode pasar dos oito. No caso de que un condutor saque un pé fóra del, o aparello rediríxese automaticamente á zona chaira máis próxima para así evitar a caída.

CARLOS CORTÉS

Quen se animan a gozar esta experiencia poden contemplar doutro xeito as paisaxes do canón do Sil e os seus típicos viñedos sobre terrazas, ademais de visitar adegas e degustar viños. Outras denominacións de orixe xa ofreceran a posibilidade de facer rutas con este tipo de aparellos, pero esta empresa é a pioneira en usalo na Ribeira Sacra.

Na parroquia de Doade atópanse dispoñibles catro segways, máis o da monitora, para realizar as tres rutas que se trazaron nesta zona. A máis curta vai ata o miradoiro de Pena do Castelo, cunha duración de corenta e cinco minutos, e un custo de 20 euros por persoa. A intermedia consiste nun itinerario entre os viñedos de Doade, con visita a unha adega, dunha hora e media de duración e un prezo de 26 euros. Para rematar, a ruta máis longa vai ata o miradoiro de Pena do Castelo e inclúe tamén unha visita a unha adega. Ten unha duración dun pouco máis de dúas horas e un prezo de 30 euros por persoa. A pesar de ser a máis cara, esta última foi a que máis xente contratou durante este mes. «Durante agosto as reservas han ir bastante ben. Tiven xente tanto de Galicia como de fóra de ela», comenta Amparo Montenegro, a encargada destes traxectos.

CARLOS CORTÉS

Tamén cabe a posibilidade de realizar outros itinerarios de maior duración que discorran por outros lugares, pero sempre ten que ser con demanda previa. Os usuarios que queiran resolver algunha dúbida ou informarse destas rutas poden facelo a través da páxina web  enoturismogalicia.é