«A miña tempada foi de notable»

luís conde MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

ROI FERNÁNDEZ

A atleta monfortina conquistou tres campionatos de España e un bronce a nivel internacional

15 ago 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

A campioa de España de salto de altura, a monfortina Saleta Fernández, gozará hoxe do día grande das festas patronais. A nova atleta aproveita estas datas para descansar despois dunha temporada longa e intensa. Fernández analiza a campaña e fala dos seus obxectivos. Tamén aporta información sobre a súa faceta humana.

-Como vive vostede as festas patronais?

-Con intensidade. Aínda que non son moito de festas, estas datas aprovéitoas para gozar coa familia e cos amigos, e para pasalo ben. O día 15 de agosto gústame estar na miña casa cos meus e saír. Pero, sobre todo faime moita ilusión ver como se enche de xente Monforte. É unha gozada ver o tirón que ten a Ribeira Sacra.

-É hora de facer balance, como puntúa a temporada?

-Á miña campaña póñolle un 8,5. Sería de sobresaliente se conseguise o ouro no último campionato de España, pero unha lesión impediume acceder ao podio. E poderíamos poñerlle matrícula se ademais me clasificase para o Europeo de Berlín.

-Logrou tres campionatos de España, pulverizou en dúas ocasións o récord galego absoluto e ademais conseguiu unha medalla de bronce no ámbito internacional, cales lle fixeron máis ilusión?

-Os éxitos nos campionatos de España de pista cuberta e a medalla de bronce que obtiven nos Xogos do Mediterráneo, porque foi a primeira que logrei a nivel internacional.

-O campionato absoluto tivo moito mérito.

-Si, porque foi o primeiro que conquistei despois da retirada de Ruth Beitia. Ese título de campioa ostentábao ela.

-O talento é fundamental, pero hai outros factores que inflúen na traxectoria que leva vostede, cales son?

-O talento é moi importante, pero se o tes e non eres sacrificado non che serve de nada. Os factores claves son o traballo, a constancia e a humildade. Se sumas os catro factores tes moitas posibilidades de acadar os éxitos. De todos os xeitos, teño que dicir que no deporte dous máis dous non son catro.

-Gústalle que a comparen con Ruth Beitia, que dixo que vostede era a súa sucesora?

-Para min é un orgullo que me comparen con ela, pero Ruth Beitia só hai unha. O que conseguiu ela non o vai a lograr ninguén, porque saltar dous metros son palabras maiores. Ela marcoume moito, e débolle todo o que me ensinou neste deporte. Que Ruth me acollese na súa casa foi o máximo, porque dende que comecei a competir sempre foi o meu espello.

-A que nivel está España no salto de altura?

-Estamos a un bo nivel, pero temos duros competidores como son Ucraína e Rusia. Teño que dicir que un europeo é máis difícil que un mundial en salto de altura, porque os mellores atletas están no noso continente. Por exemplo, en carreira de fondo é o revés, porque nos campionatos do mundo están os deportistas de Kenya.

-Xa queda pouco para encetar unha nova temporada, cales son os seus obxectivos?

-O meu principal obxectivo é acabar a miña etapa sub-23 gañando os dous ouros no campionato de España, e loitar por estas medallas nos absolutos. Tamén quero clasificarme para o Europeo sub-23 e acceder ao podio.

-Imaxínase converterse na primeira olímpica monfortina?

-Iso son palabras maiores. Non sei o que vai pasar o ano que vén. Estar ou non nuns Xogos Olímpicos depende en gran medida de como te atopes o ano antes da cita. É verdade que me gustaría ser a primeira monfortina en estar nuns Xogos Olímpicos, pero tampouco me obsesiono.