Queixas entre os taxistas polo cambio de localización da parada de Chantada

Carlos Cortés
carlos cortés CHANTADA / LA VOZ

LEMOS

ROI FERNÁNDEZ

Hostaleiros e comerciantes pediran o seu traslado da avenida de Monforte

22 jul 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Os taxistas de Chantada teñen nova parada. Pasaron da avenida de Monforte á praza de Galicia, aínda que en realidade o movemento só foi duns poucos metros. O cambio non contenta a todos, porque algúns profesionais do sector con licenza en Chantada quéixanse de que o novo espazo que o Concello lles asignou é demasiado estreito e incómodo.

O cambio fíxose efectivo esta semana, despois de que operarios municipais sinalizasen con pintura e indicadores verticais as rúas de acceso ao auditorio municipal e a que pasa por diante da porta principal deste edificio municipal. Esa era a antiga localización da parada, antes do traslado ao tramo da avenida de Monforte que está fronte á praza.

Os taxistas que non están conformes co cambio aseguran que o ancho das prazas que lles asignaron é demasiado xusto, sobre todo para os profesionais que utilizan furgonetas ou vehículos adaptados para facilitar a entrada a clientes con mobilidade reducida. Tamén aluden á incomodidade que supón que na praza están a pleno sol, e non á sombra dos edificios de vivendas da avenida de Monforte. E auguran así mesmo problemas cos rapaces que acostuman xogar ao fútbol na praza. A todo isto hai que sumarlle que hai profesionais que aseguran que ninguén do Concello consultou con eles o cambio previamente.

No Concello admiten que algúns taxistas non están conformes co cambio, aínda que aseguran que o rexeitamento non é maioritario. E lembran que en realidade o traslado á praza de Galicia leva anos previsto. «É que é unha volta ao lugar que xa ocupaban antes», explica o concelleiro Manuel Diéguez. Efectivamente, o último traslado da parada da praza de Galicia ao lugar que ocupaba ata esta semana na avenida de Monforte data do 2007, na época na que o Concello empezou a baleirar o edificio da antiga casa consistorial para que empezase a súa demolición e a posterior construción do actual auditorio e a escola de música. O que ocorre é que o auditorio leva máis de dous anos construído, e o Concello non dera mostras ata agora de querer cambiar a parada de novo.

Diéguez afirma que o cambio está avalado por informes da Policía Local que certifican que hai espazo suficiente, pero engade que se é preciso facer as prazas un pouco máis anchas iso é algo que se pode estudar.

Máis prazas para aparcar

O tenente de alcalde David Otero engade aos argumentos do seu compañeiro de goberno local que no Concello recibiron solicitudes de comerciantes e hostaleiros da avenida de Monforte interesados en que os taxis deixasen esa parada e recuperasen a súa localización anterior, probablemente para deixar libres as prazas de aparcadoiro que ocupaban nas proximidades dos seus negocios.

No municipio de Chantada hai nestes momentos quince licencias de taxis, pero só trece están en uso.

Plazuela de Santa Ana

Fai aproximadamente vinte anos, a parada foi trasladada da plazuela porque este espazo ía ser remodelado

Praza de Galicia

No 2007 foron trasladados de novo, pero só uns metros, desde a praza de Galicia ao tramo da avenida de Monforte que está á altura desa praza