Novas iniciativas polo geoparque tras a inspección da Unesco

Francisco Albo
francisco albo QUIROGA / LA VOZ

LEMOS

CEDIDA

No Courel inaugurouse un centro de interpretación das covas da serra

22 jul 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Recentemente rematada a visita dos auditores da Unesco que examinaron sobre o terreo o plan de creación dun parque xeolóxico amparado por este organismo internacional, os tres municipios que conforman a asociación Montañas do Courel promoven novas iniciativas para impulsar este proxecto. A primeira delas é a apertura dun centro de interpretación das covas da serra que foi inaugurado onte pola mañá na localidade de Meiraos. No acto participaron a alcaldesa de Folgoso do Courel, Dolores Castro; o delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro; o secretario xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), Severino Álvarez, e o xerente do grupo de desenvolvemento rural Ribeira Sacra-Courel, Martín Alemparte.

Na creación deste centro interpretativo, situado no edificio da antiga escola de Meiraos , investíronse 75.000 euros. Deles, 40.000 proceden dun convenio coa Consellería de Cultura e Agader; 24.000 foron achegados polo GDR e o resto correu a conta de fondos municipais.

Taller de emprego

Doutra banda, os municipios de Quiroga, Folgoso do Courel e Ribas de Sil solicitaron á Xunta un taller de emprego compartido que -en caso de ser concedido- dedicaríase a desenvolver diversas infraestruturas concibidas para integrarse no futuro geoparque. Dentro deste proxecto, en Quiroga está previsto ampliar o museo municipal de xeoloxía e paleontoloxía, inaugurado a finais do 2011. No Courel preténdese rehabilitar as antigas escolas das localidades de Teixeira e Carballal co fin de convertelas en centros de recepción dos visitantes do parque xeolóxico. En Ribas de Sil prevese crear un museo sobre a minería romana. Roberto Castro, tenente de alcalde deste último municipio e presidente da asociación Montañas do Courel, sinala que se agarda que o taller de emprego, se se consegue, poida empezar a funcionar en outubro. «En caso de que non nolo concedan, intentaremos levar adiante todos estes proxectos con fondos propios ou con axudas doutras institucións, pero en ningún caso pensamos descartalos», engade.

Ademais destas iniciativas, o Concello de Ribas de Sil segue adiante co plan de creación dun cámping destinado a albergar aos visitantes do geoparque. Os responsables do goberno local creen que a infraestrutura pode estar acabada a mediados do ano próximo. «Non sabemos se para entón estarán terminados os trámites necesarios para a apertura do cámping, pero calculamos que as obras si estarán concluídas nesas datas», apunta Castro.

Os tres concellos do grupo, por outra banda, teñen previsto seguir impulsando nos próximos meses diferentes iniciativas relacionadas co proxecto do geoparque, como o acondicionamento de rutas de sendeirismo centradas no patrimonio xeolóxico, arqueolóxico e cultural, a construción de miradoiros ou a realización de melloras estéticas.

Os municipios do grupo agardan obter un taller de emprego para o próximo outono

«Vos veciños déronnos unha lección de unidade»

Máis de catrocentas persoas participaron o xoves pola noite nun festexo organizado na praia fluvial de Ribas de Sil para celebrar o fin da misión dos observadores da Unesco. A resposta que tivo esta convocatoria, segundo indica Roberto Castro, é considerada polos responsables da asociación Montañas do Courel como unha proba do apoio popular ao proxecto de creación do parque xeolóxico. «Viñeron moitas persoas de todos os concellos e a xente mostrouse moi ilusionada con esta iniciativa», afirma a este respecto. «Os veciños déronnos unha lección de unidade e de como é posible colaborar nun proxecto común sen localismos e á marxe das diferenzas políticas», engade.

En opinión de Castro, os observadores da Unesco -que estiveron presentes no festexo- fóronse coa impresión de que a poboación dos tres municipios do grupo Montañas do Courel está moi implicada no plan de creación do geoparque. «Non só pola elevada asistencia que tivo a festa de despedida, senón tamén polos encontros que mantiveron con representantes das asociacións locais e das empresas que traballan nestes concellos», puntualiza.

O presidente a entidade considera de gran importancia que a Unesco teña en conta o valor que pode ter a creación do geoparque para unha comarca como a de Quiroga, cunha forte caída demográfica e numerosos problemas económicos e laborais. «O parque xeolóxico pode supoñer unha oportunidade para mellorar a nosa situación e polo menos atenuar a tendencia ao despoboamento que padecemos desde hai moito tempo», apostila.