Recollen datos de oliveirais para a denominación de orixe do aceite de Quiroga

La Voz MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

ROI FERNANDEZ

13 jul 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

A adega Val de Quiroga foi no 2006 pioneira en Galicia na comercialización de aceite de oliva autóctono. Nesa zona da Ribeira Sacra era posible adquirir pequenas cantidades a pequenos colleiteiros, pero foi esa empresa a primeira en embotellar este produto co seu correspondente rexistro sanitario. A posta en marcha dunha denominación de orixe, cuxa necesidade se expuña entón como un obxectivo a longo prazo, comeza a tomar forma once anos despois. A Xunta de Galicia e os concellos de Quiroga e Ribas de Sil deron onte un importante paso adiante.

A casa de cultura de Quiroga acolleu a última hora da tarde unha reunión dos produtores de aceite e oliva deste municipio e de Ribas do Sil, os dous con maior tradición olivarera en Galicia. Segundo unha recente investigación, son tamén os que conservan máis exemplares de oliveiras centenarias de Galicia, e o lugar de orixe das variedades de oliva que poden considerarse autóctonas.

A reunión contou coa presenza de varios representantes da Consellería de Medio Rural, que traballa actualmente cos concellos da comarca na elaboración dun censo de produtores, superficie existente e variedades plantadas. Sobre a base desta información, poderá iniciarse o expediente para a concesión dunha denominación de orixe ao aceite do Val de Quiroga.

Os trámites para conseguir unha indicación protexida cobran especial importancia para preservar a singularidade deste produto nun momento no que proliferan plantacións noutros lugares.