A fibra óptica chegará por fin ao polígono polo tendido eléctrico

Carlos Cortés
carlos cortés MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

ALBERTO LÓPEZ

A Xunta anunciara que estaría dispoñible no 2017, pero non foi así

22 may 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

O parque empresarial do Reboredo non se acaba de librar do seu tradicional atraso en materia de telecomunicacións. A este polígono chegou tarde Internet e tamén a banda larga. Agora está chegando tarde a fibra óptica. A Xunta anunciara en marzo do 2017 que as empresas radicadas nese polígono industrial terían acceso a Internet por cable antes de que rematase ese ano. Non foi así. O pasado mes de febreiro anunciaba que chegaría antes de que acabe o 2018.

Mentres agardan a que se concreten as promesas oficiais, as empresas situadas no Reboredo búscanse a vida como poden. A maioría traballan co ADSL que lles ofrecen as empresas convencionais, que é de peor calidade que o dispoñible en calquera punto do centro urbano d Monforte. A maioría das empresas situadas nese polígono industrial reciben un servizo real que rolda os dous megas.

Outras optaron polo servizo especial que ofrecen as empresas de telecomunicacións especializadas en proporcionar cobertura de banda larga en zonas rurais excluídas das redes das grandes compañas. E finalmente tamén as hai que levan anos co seu propio sistema de fibra óptica con cableado pago por eles mesmos, como é o caso da firma láctea de capital francés que ten unha planta de recollida e distribución no Reboredo.

A extensión das redes de fibra óptica ao polígono industrial do Reboredo figuras nos plans da Xunta desde o 2016, primeiro ano de execución dun plan de banda larga específico para que este servizo chegue a todo o chan industrial dispoñible en Galicia. Nas previsións iniciais, ao polígono industrial do Reboredo tocáballe no 2017, pero por algunha razón non foi así.

En calquera caso, hai pistas que apuntan a que o anuncio oficial do pasado mes de febreiro si se vai a cumprir. Hai menos de dúas semanas que o Concello de Monforte deu licenza á empresa contratada pola Xunta para aplicar este programa de extensión da rede de fibra óptica para que utilice para tender o cable uns postes municipais que serven de soporte para a rede eléctrica. No caso do Reboredo, nun primeiro momento os responsables do proxecto quixeron que o Concello mediase coa Deputación para que o organismo municipal lles permitise usar para o seu cable unha tubaxe subterránea que discorre pola estrada provincial que leva ao polígono. Finalmente, parece que tamén van optar polo tendido eléctrico, neste caso o de Gas Natural Fenosa.