Patrocinado por Patrocinadopor

A locomotora do mel galego

Carlos Cortés
Carlos cortés MONFORTE / LA VOZ

AGRICULTURA

ANGEL MANSO

Nun pequeno polígono industrial do sur de Lugo está a empresa apícola máis grande de Galicia. O seu dono cruza os dedos para que a seca do 2017 non se repita

10 may 2018 . Actualizado ás 12:07 h.

Ninguén en Galicia faille sombra a Meles Anta. É a maior produtora de mel do país, con moita diferenza sobre todos os demais. Calquera ano meteorológicamente normal, esta empresa é capaz de pór no mercado catrocentas toneladas deste produto. E, con todo, estes días nas súas instalacións centrais non hai apenas movemento. Toda a actividade está no monte, nas miles de colmeas que ten instaladas en diferentes comarcas do interior de Galicia.

Meles Anta centraliza a maior parte da súa produción no polígono industrial de Bóveda, un pequeno pero puxante parque empresarial situado a quince quilómetros ao norte de Monforte. Alí están a súa planta de extracción de mel e de pole, as procesadoras de cera e o almacén. E na Coruña dispón dun segundo centro, a nave na que fan o envasado e da que parte a distribución.

A maior parte das vinte presentas que forman o persoal de Meles Anta teñen o seu centro de traballo en Bóveda, pero alí non é doado velos, polo menos nesta época do ano. Calquera visitante que entre estes días na empresa cruzarase como moito cunha ou dúas persoas. A maior parte do persoal traballa fóra, sobre o terreo. A primavera avanza e toca revisar as colmeas, empezar a pór alzas para que as abellas teñan onde gardar o mel e tamén facer novos enxames.

Eles e David Corral , o propietario de Meles Anta, cruzan os dedos para que a meteoroloxía se comporte este ano con máis normalidade que no 2017. Como apenas houbo inverno, o ano pasado por estas datas a campaña apícola parecía xa a pleno rendemento, pero era unha miraxe. A seca fixo do 2017 un ano pésimo para o mel.

Ata o 21 de maio

E din que o frío e as choivas coas que empezou este 2018 fan que todo estea a ir con algo de atraso, pero David Corral non está moi de acordo. Este veterano apicultor, que converteu unha pequena explotación familiar con base no municipio de Samos nunha empresa líder en Galicia, cre que este ano as cousas marchan como era habitual antes. «Eu recordo que hai trinta ou corenta anos o habitual era que ata pasar o 21 de maio, ou por aí, non había aínda enxames -explica-, así que non creo que o desta primavera sexa nada raro».

No 2017, as colmeas de Meles Anta non deron máis que 130 toneladas, o 50% do habitual un ano normal. Tamén elaboraron menos os apicultores autónomos aos que a empresa lles compra mel -todos co selo da Indicación Xeográfica Protexida Mel de Galicia, como esixe David Corral -. A produción das comarcas do sur de Ourense, unha zona de Galicia de forte tradición apícola, baixou aínda máis que a media.

Máis flores no norte

A maior produtora galega foi capaz de cumprir cos seus compromisos comerciais grazas ao mel que gardaba nos seus almacéns e a que o ano pasado moveu en transhumancia unha parte das súas colmeas desde a comarca de Lemos ata o norte da provincia de Lugo, onde choveu máis que na maior parte de Galicia e a floración foi máis normal. Iso si, este ano xa non hai almacén do que tirar, así que outra seca como a do 2017 suporía un problema moi serio. «Mellor que non pase», suplica David Corral . Así se entende ben por que non lle preocupa que as persistentes choivas deste inverno teñan atrasado un pouco a floración. Despois dos apuros do ano pasado, a el con tal de que chova...

Non hai outra empresa apícola en Galicia coas dimensións da de David Corral . El admíteo, pero enseguida fai algunhas precisións. Asegura que o sector cambiou moito nos últimos dez ou doce anos. «Segue a haber moita produción de autoconsumo, pero hoxe en Galicia tamén hai xa moitos apicultores profesionais e empresas que producen cantidades importantes», afirma.