Unha de galerías máis rechamantes de Monforte deberá ser demolida

O Concello declara en ruína un inmoble da rúa Roberto Baamonde

.

MONFORTE / a voz

O Concello deu viu libre a un novo expediente de declaración de ruína, segundo no que vai de ano tras a caída de tres inmobles preto da estación de ferrocarril. Do mesmo xeito que na rúa Leopoldo Calvo Sotelo, o detonante é a deterioración dunha edificación que permanece deshabitada desde hai varias décadas. Esta vez o problema exponse en pleno corazón de Monforte, nunha zona especialmente transitada por vehículos e peóns. A orde de derriba afecta agora a un inmoble de tres plantas situado no número 8 da rúa Roberto Baamonde, cuxo baixo albergou ata a pasada década dos oitenta unha coñecida tenda de moda.

A vivenda declarada en ruína destaca pola vistosa galería que cobre as dúas primeiras plantas. O paso do tempo percíbese no armazón de madeira da fachada, do que se desprenderon algúns cascallos á vía pública fai un par de semanas. Desde entón, a beirarrúa foi valada por motivos de seguridade en toda a fronte do edificio. As restricións non afectan o tráfico, pero os peóns deben sortear o tramo cortado cruzando a rúa. Non todos están polo labor de volver sobre os seus pasos en busca do paso de peóns máis próximo. É frecuente que sorteen os valos penetrándose na calzada, co consecuente risco de atropelos.

¿Ata cando se prolongará a situación actual? No Concello evitan avanzar prazos concretos. Unicamente confirman que o expediente de declaración de ruína do inmoble de Roberto Baamonde está aprobado e que se lle comunicou ao actual propietario para que actúe en consecuencia. Este tipo de declaracións implican, segundo as mesmas fontes, a demolición «total ou parcial» da edificación. De momento, a información de que dispoñen é que está a ser redactado o proxecto de derriba.

Cambio de tiularidad

A familia propietaria orixinalmente do inmoble residía no segundo piso e puxo en marcha á súa vez a tenda de roupa Modas Kiny que ocupaba o baixo. As outras dúas plantas destinábanse ao aluguer e algunha permeneció habitada ata pouco despois do peche dese negocio de moda. O edificio cambiou de titularidade hai máis dunha década, pero desde entón non levaron a cabo obras de consolidación ou reforma. Tan só se procedeu a tapiar a planta baixa, despois de que a antiga tenda se convertese en refuxio de persoas sen fogar.

Os prazos para a intervención sobre o inmoble están supeditados ao tipo de tramitación do expediente de ruína. Ao parecer, fronte ao procedemento seguido na rúa Calvo Sotelo, non se aprecia un risco inminente e en principio tampouco se esixirá a mesma celeridade. No edificio de Roberto Baamonde a principal deterioración apréciase na fachada traseira, que a diferenza das vivendas lindeiras non chega á rúa do Conde.

Edificios singulares sen catalogar por atoparse fóra das fronteiras do centro histórico

A pesar da vistosidade da súa galería, o edificio de Roberto Baamonde sobre a que pesa o novo expediente de ruína carece por completo de protección urbanística. O tramo de rúa onde se atopa queda fóra do ámbito do conxunto histórico e está libre das condicións que marca Patrimonio para a rehabilitación de vivendas noutras zonas próximas. Nesa mesma tesitura atopábase a Casa do Penedo, de comezos do século pasado, cuxa singularidade construtiva foi borrada dunha plumada co gallo das obras de derriba que levaron a cabo en Calvo Sotelo.

Os redactores da última proposta para sacar adiante o plan xeral de ordenación incluíran no documento unha relación de vivendas que merecían ser catalogadas, a pesar de atoparse fose do ámbito de protección do centro histórico. O obxectivo era preservar na medida do posible a súa tipoloxía para cando chegase o momento de levar a cabo obras de afianzamento ou reconstrución. O plan foi aparcado por decisión do pleno e as recomendacións dos técnicos nunca chegaron a entrar en vigor.

Só algúns tramos

Tanto a Casa do Penedo como a edificación de Roberto Baamonde declarada en ruína figuraban nesa lista de vivendas que merecían catalogarse polo seu interese. Esta última rúa só ten algúns tramos incluídos no mapa do centro histórico. Forman parte da súa delimitación edificacións situadas por encima do cruzamento con Inés de Castro, en dirección ao barrio da Florida.

Coñece toda a nosa oferta de newsletters

Creamos para ti unha selección de contidos para que os recibas comodamente no teu correo electrónico. Descobre o noso novo servizo.

Votación
7 votos
Comentarios

Unha de galerías máis rechamantes de Monforte deberá ser demolida